Nota de prensa:
A Quenlla presenta o Domingo ás 12:00h en Mondoñedo o seu último disco.
A Biblioteca vella acolle unha charla o Venres sobre “Burela na Idade Media.
Galiza Nova organiza ao longo do fin de semana unha serie de actos destinados a divulgar e lembrar a Mariña do século XV e de xeito moi particular os feitos vinculados co proceso de asimilación política e económica que se vive após o axustizamento do Marechal Pardo de Cela o 17 de Decembro de 1483 na Praza de Mondoñedo. Segundo explicou Senín González “estes actos pretenden divulgar entre os veciños e veciñas da Mariña a historia do Reino de Galiza, como realidade diferenciada e independente durante preto de 10 séculos, e de xeito moi particular o que foi a nosa comarca nese período. A manipulación histórica e os propios programas curriculares nos centros educativos convértenos en ignorantes na nosa propia historia até o punto de que a día de hoxe a maioría da poboación descoñece que Galiza é o primeiro Reino que se funda en Europa despois da caída do imperio romano”.
Os actos darán comezo o Venres 17 ás 20:00 h cunha charla que se celebrará no Salón de Conferencias da Antiga Biblioteca de Burela e que terá como título “Pedro de Bolaño ou Burela na baixa Idade Media” e que correrá a cargo do historiador focego Xoán Ramón Fernández Pacios. Nas palabras de Senín González “ esta charla non só racha co tópico de que Burela carece de historia senón que evidencia a súa importancia nos finais do século XV e principios do XVI no que o señorío de Burela corresponde a Pedro de Bolaño, xenro de Pardo de Cela, e a súa filla Ines de Castro. De feito é neste período cando se configura a Burela actual até o punto de que os limites xeográficos do noso Concello actualmente coinciden co do Coto de Burela na sucesión que fai do mesmo este fidalgo da Galiza medieval. E aínda máis Bolaño é un importante impulsor da conversión de Burela como factoría baleeira, polo que xorde aquí a vocación mariñeira do noso Pobo”. Neste sentido a organización xuvenil quixo convidar a todos os veciños a participar deste acto no que a bo seguro que imos a aprender moitas cousas que descoñecemos da historia de Burela é que necesario recuperar e divulgar. Ao remate do acto celebrarase unha festa repichoca na “Gallaecia de Fuco” coa actuación do grupo de Burela “Dambara”
O remate desta xornada será o Domingo 19 de Decembro ás 12:00h cun acto que se celebrará na Praza de Mondoñedo, ao pe da placa en lembranza a Pardo de Cela, e na que a par das intervención de diversos representantes da organización xuvenil participará o escritor Lois Diéguez e o grupo “A Quenlla” lidaderado polos históricos lideres de Fuxan os Ventos, Mini e Mero. A actuación da “Quenlla “ ten como elemento de destaque que vai proceder a presentar o seu último disco “Os Irmandiños” nos que esta formación musical galega póñenlle música a uns poemas de Manuel María sobre a revolta irmandiña, algúns dos cales permaneceran inéditos até a edición do disco. O portavoz da entidade organizadora destacou “que é un luxo poder compartir este acto coa palabra de Lois Diéguez e a música da Quenlla, nun acto literario musical, arredor da historia do reino de Galiza naquel convulso século XV. Neste sentido o tradicional lembranza a Pardo de Cela ten unha consideración especial, na medida que significa o compromiso das nosas xentes da cultura, na recuperación dunha etapa da nosa historia que abre a porta a outra, que pensamos que non é casual que os nosos historiadores denominan os séculos escuros. Nos non estamos para facer xuízos de tipo moral sobre a figura de Pardo de Cela, aínda así o que non é cuestionábel, que após a súa morte vinculada a política centralizadora dos Reis Católicos significa a desaparición de Galiza como realidade diferenciada da que é un bo exemplo que sexa a partir deste momento cando o galego desaparece como lingua normal na escrita”.