Nota de prensa:
Socialistas e nacionalistas negáronse a apoiar a iniciativa, situándose máis próximos aos furtivos que aos profesionais do mundo do mar que desenvolven a súa actividade cumprindo a lei e respectando a sostibilidade dos recursos pesqueiros e marisqueiros
O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA QUE O FURTIVISMO REINCIDENTE SE CONVIRTA EN DELICTO PENAL
* “Os propios profesionais son os que aseguran que a lexislatura bipartita caracterizouse por certa pasividade da Xunta fronte ao furtivismo”
* O voceiro de Mar dos parlamentarios populares explicou que a experiencia práctica demostra que a inmensa maioría dos que practican o furtivismo de xeito recorrente o fan amparados por subterfuxios e trucos legais que os levan a declararse insolventes ou a adoptar outro tipo de encubrimentos e, polo tanto, “a evadir o efecto das sancións administrativas que poidan aplicárselles como consecuencia da súa acción furtiva”
Santiago, 15 de decembro de 2010.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa presentada polo Grupo Popular pola que se insta á Xunta a dirixirse ao Goberno de España co obxecto de que poña en marcha as modificacións lexislativas que estime máis axeitadas para converter o furtivismo reincidente nun delicto penal. Segundo salientou o voceiro de Mar dos populares na súa intervención, o obxectivo é, “como xa adiantou a conselleira do Mar, Rosa Quintana”, adoptar todas as fórmulas “para que o un por cen dos furtivos non deixe sen futuro ao 99% dos mariñeiros e mariscadoras honestos e concienciados”.
Socialistas e nacionalistas negáronse a apoiar a iniciativa, situándose máis próximos aos furtivos que aos profesionais do mundo do mar que desenvolven a súa actividade cumprindo a lei e respectando a sostibilidade dos recursos pesqueiros e marisqueiros
José Manuel Balseiro destacou que o actual Goberno da Xunta “impulsou medidas” e “quixo e soubo dar solucións” a este problema, pero “cómpre avanzar no endurecemento lexislativo”. Así, referiuse a actuacións desenvolvidas polo Goberno de Feijóo como a recuperación da colaboración entre o Servizo de Gardacostas de Galicia e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, mediante as patrullas conxuntas; o reforzo de medios humanos e materiais; a reforma da Lei de Gardacostas; as dobres tripulacións dos helicópteros; ou os plans especiais de loita contra o furtivismo.
PASIVIDADE DO BIPARTITO
Actuacións que contrastan coa política do anterior Goberno da Xunta, etapa da que Balseiro lembrou “cómo as lanchas dos gardacostas permañecían amarradas en porto”, a inoperatividade de moitos dos medios aéreos, a falta de tripulación suficiente nos helicópteros ou a redución das axudas ás confrarías para os labores de vixilancia. “Os propios profesionais son os que aseguran que a lexislatura bipartita caracterizouse por certa pasividade da Xunta fronte ao furtivismo”, apuntou Balseiro, para quen esa pasividade foi o “caldo de cultivo ideal para que proliferara a acción dos furtivos”.
Malia as medidas correctoras introducidas pola Xunta actual, o voceiro de Mar dos parlamentarios populares explicou que a experiencia práctica demostra que a inmensa maioría dos que practican o furtivismo de xeito recorrente o fan amparados por subterfuxios e trucos legais que os levan a declararse insolventes ou a adoptar outro tipo de encubrimentos e, polo tanto, “a evadir o efecto das sancións administrativas que poidan aplicárselles como consecuencia da súa acción furtiva”.
“Non podemos resignarnos a perpeturar esta situación”, resaltou José Manuel Balseiro, quen afirmou que “se trata de sancionar como corresponde a quen aproveita a vulnerabilidade das sancións administrativas para seguir delinquindo”, de forma que se protexa “aos que traballan dunha forma honrada e civilizada”.