Nota de prensa:
O Parnet-Tic forma os cidadáns do rural da provincia sobre as vantaxes das novas tecnoloxías
– Deputación e Concello de Lugo despregan 10 puntos de información pola provincia nos que, ademais de asesorar ós veciños, se imparten xornadas sobre o eDNI, buscadores online, ou a creación dunha conta de correo electrónico
– É unha iniciativa que se enmarca dentro do programa de carácter transnacional, dotado con preto de 1,7 millón de euros e co-financiado nun 75% pola UE
Deputación e Concello de Lugo teñen despregado na provincia 10 puntos de información nos que os cidadáns están a recibir asesoramento e formación sobre as vantaxas das novas tecnoloxías. Trátase dunha liña de actuación enmarcada dentro do Parnet-Tic, un proxecto de carácter transnacional, dotado con preto de 1,7 millóns de euros e cofinanciado nun 75% pola Unión Europea. Nesta iniciativa participan, ademais de ambas as dúas administracións luguesas, as Deputacións de Coruña, Huesca, e Almeria; a Cámara Municipal de Agueda (Portugal), o municipio Ville de Pau (Francia), e a Pole Universitarie Europèen de Monpellier (Francia). O seu obxectivo é fomentar a sociedade da información nos territorios rurais para impulsar a economía, mellorar a calidade de vida, e frear o despoboamento demográfico.
Na provincia, os puntos de información están situados nos Concellos de Abadín, Chantada e Lugo. Concretamente na Casa Consitorial abadense, e nos telecentros da localidade chantadina, así como nas parroquias lucenses de Calde, Coeses, Castelo, San Pedro de Mera, Santa Comba, San Xoán do Campo, Santa María de Bóveda, e O Veral.
Técnicos municipais e provincias, ademais de atender as consultas de particulares ou entidades sobre cuestións informáticas e tecnolóxicas, todos os meses imparten xornadas dirixidas a veciños de diferentes idades coa finalidade de familiarizalos coas novas tecnoloxías. Os seus contidos son moi variados: DNI electrónico, buscadores online, creación dunha conta de enderezo electrónico, pago de tributos mediante Internet, seguridade na Rede, etc. Deste xeito, dende o 13 ó 16 de xaneiro, as oficinas de Abadín e Chantada acollerán un curso dirixido a persoas maiores sen experiencia nesta materia, no que se lles ensinará a enviar arquivos dende Internet. Logo, dende o 20 ó 23 de xaneiro, serán os máis cativos os que participen na mesma xornada.
Debido á firme aposta da Deputación e do Concello de Lugo polas novas tecnoloxías para xerar riqueza na provincia e mellorar a prestación dos servizos ós cidadáns, e ante a vindeira chegada da Administración Electrónica á provincia nun tempo récord de menos dun ano grazas ó Innova-TE; ambas as dúas administracións lideran o número de puntos de información con respecto ós restantes socios do Parnet-TIC. O organismo provincial da Coruña ten 3: Miño, As Pontes e Melide; a Deputación de Huesca 2: Panticosa e Almudévar; a de Almería 2: Huércal-Overa e Berja; e a Cámara de Águeda 1, situada na parroquia de Freguesías.
O Parnet-TIC complementa ó Innova-TE ó centrarse na formación sobre as novas tecnoloxías ós cidadáns que viven nas zonas rurais, cuestión fundamental ante a total implantación da eadministración co programa tecnolóxico da Deputación dotado de 9 millóns de euros, co-financiado nun 70% por fondos FEDER, que permitirá realizar ó organismo provincial e ós 51 Concellos lucenses, que voluntariamente se sumaron á iniciativa, 120 trámites dende Internet, aforrando tempo e cartos.