Nota de prensa:
ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA ENTREGA DO XI PREMIO DE POESÍA DÍAZ JÁCOME
Xacobo Casal, de Cervo, levouse o primeiro premio desta XI edición do Díaz Jácome pola obra “As primeiras follas do caderno de soidade”
Antonio Veiga destacou que certames coma este “teñen unha importancia especial no noso país xa que axudan a estimular a creación literaria, nomeadamente poética, entre a xente nova, mantendo viva a nosa cultura”
MONDOÑEDO, 27 de novembro de 2010. O delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta mañá xunto ao alcalde de Mondoñedo, o tamén nacionalista Orlando González, a filla de Díaz Jácome, o expresidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, e o profesor da USC e estudoso da literatura e, Armando Requeixo e os membros do xurado á entrega do XI Premio de Poesía Díaz Jácome, convocado polo Concello de Mondoñedo coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Este ano, o máximo galardón recaeu no cervense Xacobo Casal, de 30 anos, polo seu poemario “As primeiras follas do caderno de soidade”. O premio, que se fallou a comezos do outono, está dotado con 1.500 euros máis unha placa e diploma acreditativo. O segundo premio, dotado con 600 euros máis placa e diploma acreditativo, recaeu na obra titulada “Infinda sonata” da que é autora Lucía Barrera, de Cangas de Foz. O terceiro premio da XI edición do Premio Díaz Jácome de Poesía acadouno Noelia Martínez, de Lugo, coa obra “Vagarosamente inxénua”, polo que recibirá 300 euros maila placa e diploma.
O delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, entregou o segundo premio, a Lucía Barrera, de Cangas de Foz, e na súa intervención destacou que certames coma este “teñen unha importancia especial no noso país xa que axudan a estimular a creación literaria, nomeadamente poética, entre a xente nova, mantendo viva a nosa cultura”, polo que eloxiou o esforzo do Concello de Mondoñedo de continuar coa convocatoria deste premio. Veiga falou de “tempos difíciles” para a nosa lingua, polo que ver como mozos e mozas co noso idioma crean poesía, arte, “debe darnos a esperanza de que a nosa lingua, como símbolo e parte fundamental da nosa cultura, vai seguir tendo forza entre nós”.