Nota de prensa:
O BNG DE FOZ EMENDA OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA CUBRIR A FALTA DE SERVIZOS SOCIAIS E SANITARIOS DO CONCELLO
“Foz necesita por xustiza a Residencia, o servizo de urxencias ou a ampliación da escola infantil” afirma Basanta
Foz, a 5 de novembro de 2010.- O BNG no Parlamento ven de rexistrar as emendas aos Orzamentos da Xunta para o ano 2011 referidas a Foz para que se inclúan nos mesmos a realización de obras totalmente prioritarias para o Concello e que de forma incomprensible sempre se lle negaron. A maioría destas obras son de carácter social e xa estaban comprometidas pola Xunta en distintas lexislaturas.
A primeira das emendas fai referencia á construcción dunha Residencia dotada de Centro de Día, xustificada entre outras razóns pola gran demanda de prazas existente na vila, por ser Foz o único concello sen este servizo, por estar comprometida polo anterior goberno da Xunta e por estar ademais avalada esta petición por todos os grupos da corporación municipal. Hai que pensar que a creación desta infraestructura social levaría consigo a creación de máis de 100 empregos para os veciños e veciñas de Foz que están esperando, despois de obter o seu título, a traballar no seu. Neste sentido, afirma o portavoz municipal Xan Carlos González Basanta, “non imos a pasar porque os orzamentos contemplen só algún tipo de estudo de viabilidade ao que o PP nos ten acostumados e que na práctica significa que a obra non se vai a realizar en moito tempo”.
As outras dúas emendas prioritarias que o BNG presenta están ligadas ás melloras sanitarias. Unha delas sería dotar ao Centro de Saúde co servizo de urxencias que a Foz se lle negou no seu momento por motivos estrictamente partidistas. O servizo de urxencias a parte de ser unha demanda veciñal reiterada no tempo aparécese como un servizo necesario para unha poboación que está a altura de outras localidades que si o teñen como Ribadeo, Viveiro ou Mondoñedo. Segundo Basanta, “non é de recibo que o PP na Xunta concerte un Centro de Día en San Cibrao, outro no Vicedo e non diga nada sobre o Centro de Día de Foz”. Coa dotación deste servizo de urxencias conseguiríase desconxestionar o PAC de Burela, cada vez máis masificado e mellora a asistencia sanitaria na Mariña. A outra das emendas vai destinada a ratificar, a través da asignación de partidas, o servizo de ambulancia medicalizada que ten a súa base en Foz, dado que non aparece reflectida nin na Memoria nin nos propios Orzamentos.
Así mesmo, o BNG rexistrou unha emenda que foi xa aprobada por todos os grupos municipais en pleno: a ampliación da Escola Infantil e que consiste en acondicionar o piso superior do edificio e pechar a terraza. “A intención desta emenda é poder darlle este servizo educativo e asistencial ás 26 familias que están aínda en lista de agarda e que desta forma poderían ter aos seus nenos na escola”, di Basanta.
Finalmente, o BNG introduciu outras emendas referidas a Foz para que se inclúan nos Orzamentos como o Centro Comercial Aberto, unha iniciativa avalada pola ACIA de Foz pero que non conta coa vontade política da Xunta ao eliminar as axudas a estes programas, a posta en marcha o Centro de Interpretación do Románico na Casa Reitoral de San Martiño de Mondoñedo, obra que está xa rematada e que só falta dotala de persoal e mobiliario ou a construcción de 50 vivendas de protección pública para facilitar o acceso á vivenda de moitas familias e xoves que non teñen esta posibilidade ademais de crear emprego nun sector moi castigado pola crise económica.
En definitiva, o BNG presenta unhas emendas que en vez de recortar en servizos públicos e sociais inviste neles como única alternativa de manter e ampliar o estado de benestar e de crear postos de traballo no noso Concello. Esperamos que estas emendas vaian adiante por ser, entre outras razóns, moi necesarias e estar avaladas por todos os partidos a nivel local, incluído o PP. Doutra maneira, o PP na Xunta seguiría a discriminar a Foz por motivos exclusivamente partidistas.