Nota de prensa:
BARCELONA, TERCEIRO ENVITE CONSECUTIVO PARA OS BURELISTAS LONXE DA CASA
O Burela FS afrontará este sábado o seu terceiro envite consecutivo lonxe de Vista Alegre. Tras Puertollano e Tudela, Barcelona é o destino da décimo quinta xornada. O pavillón Ciutat Esportiva Joan Gamper acollerá o encontro a partir das 18.30 horas.
Despois do traballado empate da semana pasada no parapeto navarro, os pupilos de Suso Rey, con 25 puntos e a sexta praza, volverán poñer a armadura para facerse cun resultado positivo que os manteña distanciados do sétimo posto do Lanzarote Tías Yaiza (21 puntos), que visita o Antequera (noveno), e lles permita avanzar na clasificación; a tan só un punto dos laranxas está BP Andorra, quinto, que recibe a ElPozo Ciudad de Murcia, na décima praza.
Os burelistas terán enfronte a un club histórico e un conxunto novel na categoría. Dende o seu décimo terceiro posto, o FC Barcelona B adáptase a Prata con máis baixos que altos na súa pista; cinco vitorias e un empate outórganlle os seus actuais 16 puntos, con só 6 na casa. No última xornada venceu a domicilio ao Unión África Ceutí por un axustado 1-2.
Christian será a única dúbida das filas laranxas para mañá, por unha contractura de abductor na perna esquerda. Minu, ausente en Navarra por molestias musculares, reincorporarase en Barcelona, aínda que non estará ao cen por cento.
Próxima cita. Os mariñáns regresarán á bomboneira despois de case un mes lonxe da terra, ante o Albacete, o 4 de decembro, data que coincidirá co I Encontro do Deporte Base na Mariña organizado pola entidade laranxa e a visita do seleccionador nacional, José Venancio, a Burela.