Nota de prensa
FERNANDO SUÁREZ ASEGURA QUE A DÉBEDA COA COMUNIDADE DE MONTES DE OVE ESTÁ PAGA E QUE O CONCELLO NON VAI PAGAR DÚAS VECES ALGO QUE XA FOI ABOADO NO SEU DÍA. O REXEDOR ACUSA DE DESLEALDADE E RUINDADE AO PRESIDENTE DO COLECTIVO E DE ACTUAR COMA ARIETE DUN GRUPO POLÍTICO QUE SÓ BUSCA DESGASTAR AO EQUIPO DE GOBERNO.
Ribadeo, 22 de novembro de 2010. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, referíuse hoxe á sentencia que condena ao Concello o ao pago dunha determinada cantidade de diñeiro por unha reclamación que no seu momento fixo a comunidade de montes de Ove a través do seu presidente. O rexedor dixo que o Concello non vai pagar o que xa foi aboado e que os servizos xurídicos explicaránlle á xustiza esta cuestión baseándose nos expedentes municipais correspondentes.
Suárez Barcia explicou que “esta reclamación foi presentada aquí no Concello, antes de que se celebrase a vista nós evacuamos os informes de Intervención axeitados e pertinentes, convocamos a unha xuntanza aquí ao presidente da comunidade de montes de Ove, en presencia do secretario municipal, do alcalde, do concelleiro de Economía e doutro funcionario. E nese encontro fóiselle dando conta pormenorizadamente de todos os aspectos da súa reclamación, dado que a maior parte deles referíanse a requerimentos de pago que realmente xa foran aboados desde había moitos anos, requerimentos de cantidades pagadas nos anos 97, 98, 99 e 2000, cada un destes por importe dun millón das antigas pesetas, onde se lle foron mostrando os recibís asinados, en moitos dos casos por él mesmo, outra cousa é que non se teña memoria do que se firma”.
O alcalde de Ribadeo dixo que “logo despois había toda unha serie de demandas de pago de cousas pendentes en función de alquiler, do vertedoiro, do punto limpo, etc… había efectivamente unha parte que sumaba 12.000 euros que estaba pendente de pago, aínda que parte desta débeda viña do mandato anterior cando o alcalde era outra persoa. Estas débedas tamén viñeron dadas en moitos casos porque a propia comunidade de montes de Ove presentou con moito retraso as facturas, ata con 2 anos, pero á marxe da posible neglixencia en presentar tardíamente as facturas e que polo tanto os exercizos xa estaban pechados acordamos de boa fé con él proceder a un recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar nos seguintes días despois da reunión. Pedímoslle que solicitaran un aprazamento xudicial para que os servizos administrativos puideran tramitar ese expedente e facer o pago da cantidade que restaba por pagar e que eran 12.000 euros e non 40 e tantos mil, xa que o anterior xa estaba pagado tal e como consta nos expedentes, cheques asinados, recibís, etc”.
Fernando Suárez sinalou que “todo isto saiu como saiu, eu téñome por boa persoa e por un paisano que da unha palabra e agardo que o que está enfronte tamén teña palabra. Nós de boa fé ordeamos recoñecer extraxudicialmente a débeda e pagala e así se fixo, incluso antes de que se dictase a sentencia, pero non nos personamos no xulgado en Mondoñedo porque entendemos que a outra parte ía cumprir coa súa palabra de pedir un aprazamento. Non foi así e ao final declaráronnos en rebeldía por non acudir, un termo que sona un tanto rimbombante, pero non é para tanto”.
O rexedor engadiu na rolda de prensa desta mañá que “a xente pregúntase si o Concello vai ter que pagar por algo que xa tiña pago. O Concello non vai ter que pagar dúas veces algo que xa ten pago, o Concello traballa e estuda cos seus servizos xurídicos a maneira de explicarlle á xustiza, e temos canles dabondo para facerllo saber, de que ao que condenan ao Concello xa está executado, é dicir a setencia xa está executada e non vai proceder que paguemos polo que non vai proceder que paguemos doblemente por algo que xa fora aboado”.
Críticas á oposición
Suárez Barcia tamén se referiu ás críticas verquidas días atrás polos partidos da oposición que “falaron disto porque se agarran a un ferro ardendo con tal de desgastar a este alcalde e a este equipo de goberno, pero o contido do fallo está cumprido e non haberá ningún quebranto económico ou patrimonial para o Concello. O que pasou aquí é que o Concello foi condeado por unha cuestión procesal por crer na palabra de quen non a ten, porque nós cumprimos os compromisos acordados aquel día e fomos pagados cunha deslealdade e unha ruindade absoluta por parte deste presidente da comunidade de montes de Ove, que máis que exercer de presidente está a exercer de ariete dun determinado grupo político moi empeñado en desgastar a este goberno e a este alcalde en particular”.
O alcalde foi taxante “a débeda coa comunidade de montes de Ove, non porque o diga eu senón porque aquí figura nos expedentes, está paga incluso antes de que esta sentencia tivera lugar. Agora como houbo ese xuizo e o Concello non estivo alí explicarémoslle á xustiza porque non se pode pagar o que xa está pago, porque hai unha máxima que di que a xustiza non pode crear inxustiza”.