Nota de prensa
O CONCELLO ORGANIZA OBRADOIROS INTERCULTURAIS PARA FAVORECER A INTEGRACIÓN DOS NENOS INMIGRANTES. SERÁN OS DÍAS 27 DE NOVEMBRO E 11 DE DECEMBRO.
Ribadeo, 22 de novembro de 2010. O Concello organiza obradoiros interculturais para favorecer a integración dos nenos inmigrantes. Serán os días 27 de novembro e 11 de decembro. As actividades foron presentadas esta mañá.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, contou que “estamos a realizar actividades desde que a oficina de atención ao inmigrante abriu no ano 2007 destiñadas á integración dos inmigrantes, e que aínda sen ter unha comunidade importantísima como noutros concellos non é nada despreciable porque temos uns 540 de diferentes nacionalidades como Brasil, Portugal, Marrocos, Arxentina, Uruguay… Cos diferentes programas que facemos queremos que toda esta xente, singularmente os nenos, que acaban de chegar e levan pouco tempo aquí, se integren respectando as culturas de procedencia, pero ao mesmo tempo que se adapten á nosa, que entendan as dúas linguas oficiais que temos, etc”.
O rexedor explicou que “estamos a facer uns obradoiros interculturais, este pasado sábado tivemos un sobre sensibilizacións, sobre as diferencias entre o norte e o sur, cun éxito de participación notable xa que acudiron uns 60 nenos de diferentes países. Temos previsto para vindeiro sábado 27 de novembro un obradoiro chamado Xogos do mundo, a partir de xogos populares e tradicionais os nenos poden descubrir o pracer de xogar, de compartir momentos de ocio con outras culturas e a través destes obradoiros tamén se poderán crear xoguetes. A estas actividades tamén poden acudir ademáis dos inmigrantes, os nativos de Ribadeo. E o 11 de decembro teremos un novo obrodoiro de sensibilización para a integración social, vanlles explicar entre outras cousas os principais motivos de expulsión dos inmigrantes e as razóns polas que non poderíamos vivir sen culturas diferentes”.
Suárez Barcia subliñou que “a oficina de atención ao inmigrante segue a traballar, ofrécelles asesoramento xurídico e social como tramitacións de renovación de autorizacións de residencia, de traballo, de regularización, de reagrupamento familiar, etc, etc… unha serie de problemas aos que se tenta dar resposta. Temos unha función de mediación con oficinas de extranxeiros de Lugo, evitando neste caso desprazamentos innecesarios. E dado que temos unha población de 540 inmigrantes seguimos traballando con eles co fin de que se sintan uns ribadenses máis e uns galegos máis”.
Ana Mª Prieto, responsable da oficina de atención ao inmigrante, lembrou que “os obradoiros do 27 de novembro e do 11 de decembro desenvolveránse de 16:30 a 18:30 horas no pavillón vello e ao remate das actividades darémoslles unha merenda. A inscrición dos nenos pódese facer chamando por teléfono ao 982 120 808 ou persoándose na oficina de atención ao inmigrante no auditorio municipal en horario de 9 a 14 horas”. E engadiu que “igual que outros anos seguimos a traballar en actividades orientadas a garantir unha axeitada adaptación dos escolares ao novo sistema educativo e para evitar situacións de fracaso escolar. Tamén temos en funcionamento o apoio escolar para aqueles nenos que presentan maiores dificultades, onde reforzamos o coñecemento do idioma que ás veces é a principal causa de dificultades na aprendizaxe”.