Participan no Coñece a túa provincia oito colectivos de Baralla, Abadín, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Burela, Barreiros e Lugo, e iniciarán as rutas desde o Pazo de San Marcos, o Mazo de Santa Comba, a produtora de audiovisuais ou a Granxa Gayoso Castro
Lugo, 22 de abril de 2025. O programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo leva esta semana de viaxe a un total de 184 veciños e veciñas. Os participantes pertencen a oito colectivos dos concellos de Baralla, Abadín, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Burela, Barreiros e Lugo, que descubrirán a comarca da Ribeira Sacra, A Ulloa, A Mariña, Lugo ou Sarria.
As rutas desta semana iniciáronse este mesmo martes da man da Asociación Os Malugreiros, de Baralla, que comezaron a viaxe no Pazo de San Marcos; e a Asociación Coral Polifónica, de Abadín, que partiu do Mazo de Santa Comba. Ambos grupos escolleron o percorrido que os levará ata a Ribeira Sacra onde visitarán o Museo do Ferrocarril ou o Pazo de Tor, o conxunto monumental de San Vicente do Pino e o Centro do Viño da Ribeira Sacra.
O mércores, os membros da Asociación Cultural e Veciñal Virxe da Portería, de Castro de Rei, iniciarán a ruta desde o Pazo de San Marcos e despois descubrirán o convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón e a igrexa de San Miguel de Eiré. Ademais, tamén visitarán Os Peares e unha adega. Nesta mesma xornada, a Asociación Veciñal, Cultural A Porta dos Ancares, de Baralla, achegarase ata a produtora do Servizo de Audiovisuais para despois coñecer a igrexa do mosteiro de Ferreira de Pallares, en Guntín, o Castelo de Pambre e a igrexa de Vilar de Donas, en Palas de Rei.
O xoves, a Asociación Viandantes do Camiño Primitivo ou Ovetense, de Outeiro de Rei, escolleu unha ruta que comezará na Granxa Gayoso Castro da Deputación e continuará ata a comarca da Mariña, onde percorrerán o paseo marítimo de Barreiros, visitarán a praia das Catedrais ou o casco histórico de Ribadeo. Ademais, as integrantes da Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa, de Burela, partirán do Mazo de Santa Comba e logo visitarán Portomarín, o castro de Castromaior e a igrexa de Santa María de Ferreirós, ao seu paso polo Camiño Francés.
Por último, o venres a Asociación de Veciños Celeiro de Mariñaos, de Barreiros, iniciará o percorrido no Mazo de Santa Comba para despois coñecer algúns dos atractivos de Sober e Monforte, como o miradoiro sobre o Canón do Sil, unha igrexa románica e, ademais, tamén realizarán unha ruta en catamarán. Por outra banda, partirá do Pazo de San Marcos, a Asociación Cultural e Deportiva de San Juan de Tirimol, de Lugo, que visitará, na comarca mariñá, Barreiros e Ribadeo.
O Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estes percorridos realízanos profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.