Trátase dunha actividade programada en colaboración con Alcoa e con Ecoherencia
Cervo, 11 de abril, 2025. O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, acolle esta semana, en colaboración con Alcoa e con Ecoherencia, dúas xornadas de plantación de árbores autóctonas que contarán coa participación de oitenta escolares do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz.
A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, acompañada por Zaloa Blanco en representación de Alcoa, e de Pablo García, coordinador de Ecoherencia, participaron co alumnado na actividade que se desenvolveu este mércores nunha finca municipal situada en Sargadelos, no Monte da Escarabelada.
Tal e como apuntaron, a rapazada participou na plantación de 100 árbores (castiñeiros, cerdeiras, bidueiras, carballos…). Unha iniciativa didáctica coa que “pretendemos seguir a incidir e concienciar sobre a importancia do coidado dos bosques a través dunha clase teórico-práctica na que adquiriron nocións básicas sobre o aproveitamento produtivo dos nosos montes”.
Desde o Concello poñen en valor suma de esforzos das diferentes entidades que participan na iniciativa en favor do medio ambiente e das xeracións futuras “porque xuntos non só plantamos árbores, senón que cultivamos conciencia, responsabilidade e esperanza”.
A plantación de árbores autóctonas forma parte da política forestal do Concello de Cervo desde o primeiro intre; así, nos últimos quince anos levamos plantadas máis de 10.000 árbores produtivas en máis de 25 hectáreas de monte municipal e comunal; e seguiremos a traballar nesta mesma liña “co obxectivo de deixarlles ás xeracións vindeiras un legado baseado nos bosques autóctonos, no tan habituais a día de hoxe, e amosarlles que poden chegar a converterse, incluso, nun medio de vida no seu futuro; porque sementar vida é sementar futuro”.
Este mércores foi o alumnado do CEIP de Cervo o que participou na plantación, e o venres 11 de abril, é a quenda dos estudantes do CEIP Península da Paz, cunha plantación doutras 100 árbores autóctonas na parcela municipal de Cuíña, que contribuirá a complementar o Plan Intregral de Reforestación que temos en marcha desde hai máis dunha década no Concello de Cervo “un compromiso compartido para coidar o noso planeta”.