Lugo, 10 de abril de 2025. A historiada e investigadora Alba Díaz Geada presentou esta tarde no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o libro “Mudar en común: Galiza 1959-1982. Unha análise socio <histórica dos cambios no rural galego”, editada polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O volume recolle a tese da autora, doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, que analiza a transformación estrutural da sociedade rural galega nesas décadas “desde a historia”, atendendo prioritariamente, “á intervención dos suxeitos históricos, dos labregos e das labregas, das comunidades rurais, no proceso da súa propia metamorfose” e conclúe que a chave da mudanza, que entende como a “máis fonda da nosa historia contemporánea”, “non estivo só na maneira en que os procesos que deron nela lles afectaron ás comunidades labregas que os viviorn, senón maís que iso, na maneira en que afectaron á súa reprodución”. A investigación realízase arredor de fontes escritas e orais (máis dun cento de entrevistas) da comarca da Mariña, fundamentalmente.
O acto contou, ademais da autora, coas intervencións do responsable do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Brais García e da deputada de Cultura Iria Castro que valorou o “interese de divulgar e achegar á cidadanía o coñecemento e a investigación académica, o propósito da publicación deste libro”.
Alba Díaz Geada
Alba Díaz Geada é doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi investigadora posdoutroal no Laboratoire dÉtudes Rural (Université Lumière Lyon II) e no Program in Agrarian Studies (Yale University). Investigadora Principal do Proxecto “comunidad, conflicto y revuelta en la Galiza rural del siglo XX” (COREGAL), ten investigado sobre o sindicalismo labrego e sobre as transformacións da sociedade rural contemporánea na Galiza. Actualmente é Investigadora Ramón y Cajal na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela.
Servizo de Publicacións
O Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ten como finalidade a edición de obras que aborden temáticas específicas referidas a diferentes aspectos da realidade da provincia de Lugo e das súas comarcas e concellos, prestando especial atención a aquelas materias que contribúan a dar a coñecer os nosos valores culturais e patrimoniais máis xenuínos.
Como editora institucional tratamos de cubrir un espectro editorial que chegue a eidos raramente asumidos por outros sectores editoriais. As nosas publicacións céntranse en temas de interese provincial que pasan esencialmente pola historia, a xeografía, a etnografía, a arte, os estudos literarios, a arqueoloxía, o turismo, o patrimonio cultural material e inmaterial e a divulgación das actividades e estudos xerados polos centros culturais propios: museos e coleccións dependentes da Deputación (Rede Museística Provincial, Centro de Artesanía e Deseño…).
“Mudar en común. Galiza 1959-1982. Unha análise sociohistórica dos cambios no rural galego”, de Alba Geada é parte da colección Gubia, dedicada á edición de traballos de investigadoras e investigadores. A edición e distribución destas publicacións facilita que ese coñecemento chegue á cidadanía, e incida na percepción sobre a importancia da investigación e da preservación do patrimonio e da cultura.