Os Deputados desta comarca, Francisco Cajoto e Carmela López, destacaron na inauguración destas instalacións destinadas á rehabilitación psicosocial e laboral a colaboración da institución provincial con esta asociación
Lugo, 8 de abril de 2025. Os Deputados de Economía, Facenda, Recadación, e Especial de Contas, Carmela López Moreno, e o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participaron este martes en Cervo na apertura dun novo centro de Saúde Mental na Mariña, destinado á rehabilitación psicosocial e laboral. No acto inaugural, a Deputada Carmela López, puxo en valor o novo centro, o cuarto na comarca que dá servizo neste ámbito na saúde mental, e destacou a colaboración da institución provincial co colectivo para sufragar os gastos dun destes centros, que xunto ao de Cervo, ten en Burela, Viveiro, e Ribadeo.
“Este centro que hoxe abrimos en Cervo non é só un espazo físico. É un lugar de coidados e de oportunidades. Nós, dende Deputación de Lugo sentimos un orgullo profundo de formar parte deste camiño. Porque para nós os servizos sociais non son algo accesorio, senón un piar fundamental dunha sociedade xusta”. Así mesmo, engadiu que, investir en saúde mental “é investir en igualdade, en futuro e no benestar colectivo”, afirmou López Moreno.
Segundo os estudos, fixo referencia a Deputada, “unha de cada catro persoas pode sufrir ao longo da súa vida algún trastorno mental, e detrás destas cifras hai historias reais, persoas que merecen apoio, respecto e acompañamento”. Resaltou a importancia das cifras porque as enfermidades mentais, “moitas veces invisibles, aparecen en momentos decisivos da vida”, e subliñou que “isto condiciona o día a día, as relacións sociais e o acceso ao traballo”. Sen embargo, apuntou, que “con apoio, recursos e atención profesional, é posible vivir con plenitude, recuperar a autonomía e restablecer os vínculos persoais”.
Rematou Carmela López agradecendo á Asociación Saúde Mental A Mariña pola súa traxectoria exemplar e o seu compromiso coas persoas usuarias e as súas familias, que en moitas ocasións “son a súa rede de apoio e resistencia”.