Atender aos problemas derivados da falta de mantemento, da seguranza viaria, ás deficiencias do firme, a súa adaptación aos elementos de travesía urbana, así como o reforzo de medidas para rebaixar o perigo: recolle a iniciativa do BNG
Madrid, 26 de marzo de 2025. O Congreso aproba a iniciativa presentada e defendida polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para que o Goberno do Estado acometa un Plan Integral de mellora e rehabilitación da estrada N-640 que discorre por diversos concellos da Galiza, de Ribadeo a Vilagarcía. Con esta aprobación, o Executivo queda comprometido a levar a cabo actuacións urxentes para corrixir as graves deficiencias desta vía estratéxica, atendendo á seguranza viaria, á adaptación dos tramos urbanos e á mellora do firme.
A aprobación desta iniciativa obriga o Goberno a intervir en aspectos prioritarios como a rehabilitación urxente do firme, especialmente en localidades como Monterroso, Antas de Ulla, Lalín e Agolada, onde o deterioro é evidente e afecta a seguridade viaria. “Adaptación da N-640 como travesía urbana ao seu paso por todos os núcleos urbanos, especialmente en Meira, A Pontenova, Monterroso, Antas de Ulla, A Estrada, Silleda e Caldas de Reis” enumera o deputado. Para iso, explica Rego, requírese a aplicación de medidas de redución da velocidade, calmado do tráfico e instalación de semáforos, pasos de peóns e pasos elevados.
“Apróbase tamén o reforzo da seguranza viaria en tramos especialmente perigosos como Meira-Trabada e Monterroso, onde se rexistran accidentes de forma recorrente debido á configuración da vía e a ausencia de medidas adecuadas para reducir o perigo” afirma Néstor Rego. Así mesmo, a Comisión de Seguranza Viaria do Congreso da luz verde a crear carrís para vehículos lentos en zonas como a subida a Marco de Álvare (A Pastoriza), co obxectivo de mellorar a fluidez do tráfico e reducir os riscos de colisión.
Solucionar anos de pasividade e falta de mantemento
“A N-640 é unha arteria fundamental para a comunicación entre Lugo e Pontevedra, constituíndo unha das principais vías para o tránsito de mercadorías e persoas en diversas comarcas estratéxicas, pasando pola Mariña lucense, a comarca do Deza ou a do Salnés” sinala Rego durante a defensa da iniciativa. A ausencia dunha alternativa de alta capacidade para conectar estes territorios fai que a N-640 sexa un eixo esencial para a mobilidade e a economía das zonas polas que pasa.
Nos últimos anos, o aumento do volume de tráfico puxo de manifesto a grave deterioración da estrada, especialmente en tramos cun trazado sinuoso e curvas perigosas, como na zona de Agolada, onde son frecuentes as saídas de vía. A situación vese agravada pola falta de mantemento continuo, o que supón un risco para a seguranza dos condutores e viandantes.
“O BNG leva anos denunciando a situación precaria desta infraestrutura, advertindo que a falta de investimentos estatais está a prexudicar a seguridade viaria e a calidade das comunicacións na Galiza” di Rego. A estrada non só sofre deficiencias derivadas do escaso mantemento, senón que, en moitos casos, foi superada polo crecemento urbanístico das localidades que atravesa, sen que se adoptasen medidas adecuadas para a súa adaptación como vía urbana.
A situación é especialmente preocupante nos tramos urbanos da estrada, onde o tránsito de peóns convive con fluxos constantes de tráfico rodado sen as medidas de protección necesarias. Casos como os da Estrada e Caldas de Reis levan tempo sendo obxecto de denuncia por parte de veciños e colectivos sociais, que reclaman accións urxentes para evitar accidentes. Neste sentido, Rego lembra que a organización nacionalista ten rexistrada unha iniciativa na Comisión de Transporte para demandar o impulso da variante da Estrada.
A aprobación desta iniciativa representa un paso fundamental para garantir a modernización e seguranza dunha estrada estratéxica para a Galiza. O BNG exixe ao Goberno que concrete os prazos de execución do Plan Integral e que garanta os investimentos necesarios para acometer estas melloras de xeito inmediato.