Destaca a aposta da Xunta pola sanidade da Mariña, coas obras das fases 0 e 1 do Plan Director xa executadas por importe de 20 M€, o compromiso de seguir avanzando no Plan Director, a adquisición de novo equipamento e a continua ampliación dos servizos
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou esta tarde no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa sanidade da comarca da Mariña que se ve reflectido no incremento da súa actividade cirúrxica en 2024, con preto de 5.400 operacións realizadas, así como nos datos da actividade asistencial realizada neste centro hospitalario no pasado ano.
Segundo apuntou Gómez Caamaño, as listas de espera para acceder a unha cirurxía no Hospital Público da Mariña reduciuse ata os 45,9 días, o que a sitúa 21 días por debaixo da media galega e atéa82 días por debaixo da media de España.
Durante a súa intervención, o titular da Consellería de Sanidade lamentou que se pretenda “alarmar e enganar” á poboación sobre a situación da sanidade nesta comarca lucense, unha conxuntura que refutou trasladando algúns dos datos máis significativos da xestión dos seus servizos sanitarios.
Explicou que das 28.214 cirurxías realizadas nos tres hospitais públicos da provincia de Lugo, 5.388 fixéronse no Hospital da Mariña (233 máis que en 2023), o que representa un incremento do 4,3% na súa actividade.
Ademais, tamén destacou as máis de 106.000 consultas co especialista que rexistrou este centro hospitalario en 2024. Delas, 1.202 foron consultas por vía rápida, cun incremento do 9,1 % respecto de 2023. En canto ás probas diagnósticas, o hospital comarcal realizou un total de 75.848 durante o pasado ano.
“O balance de actividade asistencial que acabamos de presentar, é reflexo da boa planificación e xestión, e froito do compromiso dos profesionais”, subliñou Gómez Caamaño.
Incidiu na mellora dos recursos sanitarios que o Executivo galego está a implementar no sistema sanitario público da Mariña, aludindo ao investimento de 20 M€ nas primeiras fases do Plan Director, ao compromiso de seguir avanzando nas seguintes fases, cun investimento autonómico previsto de 30 M€, aos 492.000 euros que este ano se destinarán á adquisición de equipamento tecnolóxico, así como continuo aumento da carteira de servizos deste centro hospitalario.
“Nestes anos o Hospital público da Mariña non fixo máis que ver incrementados os servizos que presta: o servizo de oncohematoloxía; unha resonancia magnética fixa; hospitalización a domicilio; ou unha segunda sala de endoscopias”, precisou.
Sobre o incremento de profesionais, o conselleiro lembrou que a Xunta, dentro das súas competencias, buscou solucións para paliar a falta xeneralizada de profesionais médicos que sofre o Sistema Nacional de Saúde. Así, lembrou que nestes intres se está a levar a cabo o proceso de resolución dunha oferta pública de emprego e dun concurso especial de méritos, nos que se ofertan máis dunha vintena de prazas de especialistas para o Hospital Público da Mariña.
“A realidade é que hoxe o Hospital Público da Mariña conta cunhas instalacións máis amplas e cómodas, tanto para os doentes como para os traballadores, o que contribúe a unha mellora xeral da calidade e do servizo que se presta neste centro hospitalario” concluíu Gómez Caamaño.