Ribadeo, 26 de marzo, 2025. “Nestes días pasados vimos de asistir a unha situación ben paradoxal: ao mesmo tempo que o alcalde ten que recoñecer que perdeu unha subvención porque o Concello non podía poñer a súa parte comprometida no convenio asinado coa Xunta para reformar o parque dos Indianos, agora quérese gabar do logro dunha subvención da UE para podermos adquirir os terreos necesarios para levar a cabo o Plan Especial das Catedrais”, explica o BNG.
“Esta iniciativa púxose en marcha co anterior goberno. De feito, así se recolle no expediente, onde se indica que tal candidatura emana dos esforzos realizados na Proposta LIFE-GLOBAL 2021 (101074612), que recibira 64,75 puntos, e na proposta LIFE GLOBAL 2022 (101114237), que recibira 66,50 puntos. Ditas valoracións foron favorábeis, pero non acadaron as puntuacións necesarias para seren financiadas. O anterior goberno non desistiu ante a adversidade e continuou a preparar unha nova proposta, que cristalizaría nunha nova solicitude en tempo xa de desconto do mandato 2019-2023”.
“O obxectivo era conseguir financiamento para a adquisición de 25 parcelas (que ocupan unhas catorce hectáreas) que lindan co mar nas parroquias da Devesa (especialmente na contorna da praia das Catedrais), na de Rinlo e mais en Vilaframil. A finalidade é ben clara: restaurar os hábitats costeiros de flora autóctona”.
Agora que se fixo pública a concesión de tales axudas, “Daniel Vega colle carreira e preséntase ante a sociedade ribadense como o gran conseguidor. Di el que tras algo máis de 18 meses (dous anos practicamente) as xestións do actual goberno dan os seus froitos. Madia leva! En todo caso, menos mal que continuaran co labor comezado polo anterior goberno. Que leven a parte de mérito que lles corresponda. Pero querer dar a impresión de que é o logro da súa boa xestión, ignorando o que precisamente vén recollido no propio expediente, non é honesto nin moi honrado que digamos”.
“Hai que ter ben pouca vergoña para presentarse como o grande xestor xusto uns días despois de ter recoñecido que o Concello de Ribadeo acababa de perder unha subvención por non dispoñer de diñeiro suficiente para facer fronte á achega que lle correspondía. Esa carreira cara a adiante, dicindo que imos ter outro convenio no que se nos concede o 100% da subvención, e non presentar negro sobre branco dito convenio, é un brinde ao sol, ou un canto ao teixo de Arante. Si, ese teixo que disque cortaramos no anterior mandato, pero que de xeito milagreiro brotou de novo aos poucos días”, conclúen os nacionalistas.