Burela, 21 de marzo de 2025. O Concello de Burela reforza o seu compromiso coa igualdade con varias iniciativas enmarcadas no Día Internacional contra a Discriminación Racial, que se conmemora hoxe, 21 de marzo.
Por unha banda, hoxe remata o prazo de inscrición do XI Concurso Contra a Discriminación Racial. Unha vez avaliados os traballos, celebrarase un acto público de entrega de premios.
Ademais, o mércores 26 de marzo, a técnica de Inmigración do Concello e o persoal da Aula Gaia visitarán os centros de primaria para desenvolver unha actividade lúdica e educativa centrada na diversidade e a convivencia.
Outra das iniciativas previstas é a colocación, a partir de hoxe, venres, dun libro na entrada do Concello onde a veciñanza poderá deixar mensaxes en favor da integración e contra a discriminación.
“O Concello de Burela mantén un traballo continuo neste eido, con contacto directo cos centros educativos e a través da participación no Fondo Galego de Cooperación, que nos permite desenvolver accións tanto a nivel local como en colaboración con países do Sur”, sinala o tenente de alcaldesa Mario Pillado.
“Por todo isto pretendemos poñer en valor o traballo do noso persoal, que continua preparando actividades para próximas datas, en continua sintonía coas diferentes comunidades para seguir mellorando na inclusión e na integración”, engade o concelleiro.