Ribadeo, 19 de marzo de 2025. Ata o 4 de abril está aberto o prazo para participar no Concurso de Fotografía Obxectivo Igualdade 2025, que organiza o Concello de Ribadeo.
Desde a Área de Igualdade a súa responsable, Begoña Sanjurjo, explica que “desde o 19 de marzo ata o 4 de abril podedes participar neste concurso e compartir a vosa visión sobre a igualdade de xénero. Buscamos fotografías que reflictan a igualdade desde calquera perspectiva: corresponsabilidade no fogar, deporte en igualdade, conciliación laboral… A vosa creatividade será a protagonista”.
A edil ribadense indica que “participar é moi sinxelo. So tedes que enviar as vosas fotografías por email a cim@ribadeo.gal poñendo como asunto: Obxectivo Igualdade 2025: Qué para ti a Igualdade? Desde esta Concellería queremos animarvos a participar e a amosar a vosa visión sobre a igualdade”.
O concurso establece os seguintes premios:
– Categoría A (12-17 anos): 250 € + Diploma.
– Categoría B (maiores de 18 anos): 250 € + Diploma.
-Categoría C (Centros de Ensino): 200 € en material para o centro gañador. 50 € en vales ACISA para o/a alumno/a gañador/a + Diploma.
Esta actividade enmárcase na programación deseñada pola Área de Igualdade do Concello de Ribadeo para conmemorar o 8M.