O Executivo confirmou estas actuacións nas respostas oficiais a preguntas dos senadores lucenses do Partido Popular que se interesaron na Cámara Alta pola situación das dependencias
O Valadouro, 19 de marzo de 2025. O Goberno de Sánchez comprométese, en documento oficial, a realizar as obras de reparación e rehabilitación no cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro que se consideren oportunas segundo as súas necesidades.
Ante as preguntas formuladas polos senadores do PP lucense -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- a petición do alcalde, José Manuel Lamela, o Executivo especifica ademais que se procederá a realizar as obras con cargo ao gasto descentralizado da Comandancia da Garda Civil de Lugo.
Balseiro explica que a situación das dependencias “non é óptima para que os axentes poidan prestar servizo nin para residir nelas” e esixe unha actuación urxente ao Goberno de España para mellorar o seu illamento térmico, pintado e redistribución dos espazos de maneira que se potencie a súa comodidade e funcionalidade.
Os senadores do Partido Popular deron traslado ao Executivo, a petición do rexedor popular, do acordo unánime do pleno municipal do concello mariñán para instar ao Ministerio do Interior a realizar as obras de reforma e rehabilitación da Casa Cuartel da Garda Civil emprazada na capitalidade municipal, Ferreira do Valadouro.