A Mariña, 18 de marzo, 2025. CIG-Saúde A Mariña quere facer un chamamento ás traballadoras/es e a veciñanza da Mariña a participar na manifestación do domingo 23 de marzo en Viveiro convocada por Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña en defensa da sanidade pública. “A xente alegre e combativa da Mariña temos que saír novamente á rúa para lembrarlle a quen xestiona a nosa sanidade que estaremos agora, aquí e sempre na defensa da sanidade pública”, aseveran.
Denuncian que “o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”.
Razóns para mobilizarse
Algunhas das razóns, explican, que nos levan «a mobilizarnos de xeito contundente, son estas:
– Desmantelamento da atención primaria con falta de recursos humanos (persoal médico, pediatras, enfermaría, matronas, traballadoras sociais, PSX…) e materiais.
– PACs sen dotación adecuada de material e persoal, obrigando a que varios destes centros queden baleiros de persoal sanitario en moitas ocasións, ante a necesidade de ter que desprazarse para atender unha emerxencia.
– Abandono de menores e adultos ao quedar sen logopedia, fundamental para o seu desenvolvemento como persoas.
– Unha ampliación do hospital froito da presión e da mobilización social que supón máis metros cadrados, pero que non van acompañados de máis e mellores servizos nin de máis persoal. Como exemplos: a falta de dunha consulta de cirurxía vascular, electroencefalogramas, densitometrías, panorámicas dentais ou electromiografías aumentando as derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña non só para probas diagnósticas, tamén para intervencións cirúrxicas.
– Alerta vermella en servizos como Medicina Interna, Uroloxía, Cardioloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Radioloxía…por falta de persoal que provoca suspensión de consultas, aumento das listas de espera e derivacións a Lugo para probas diagnósticas, cirurxías e ingresos.
A falta de profesionais non se debe tan só a escaseza dos mesmos, e así atopámonos con categorías nas que existe moita dispoñibilidade, pero o SERGAS négase a incrementar plantilla como acontece, entre outras categorías coas Técnicas de Farmacia ou servizos como o paritorio que se atopa sen dotación de TCAEs.
– Privatización de servizos como mantemento como electromedicina, historias clínicas etcétera.
Para o sindicato nacionalista, esta, e non outra, e a verdadeira sanidade de Rueda. Mentres o PP defende que está a realizar unha magnífica xestión, un discurso soberbio e frívolo cando se xoga coa saúde das persoas. Ou como afirman agora “facemos o que podemos ou se a CIG coñece persoal facultativo que nolo faga saber”.
“Pois non, señor Rueda, o que está a pasar non é froito dunha fatalidade nin dunha maldición bíblica, é froito de todas as decisións do PP destes anos e dunha política de recortes continuos que ten consecuencias.
Dende o sindicato nacionalista lembran algunhas das reivindicacións básicas e fundamentais para garantir una asistencia sanitaria de calidade.
Atención Primaria
Creación de prazas de persoal de tódalas categorías profesionais en xornada ordinaria e redución de cupos. Así, o cupo base de médicos e enfermería establecelo nun máximo de 1.250 tarxetas sanitarias(TSI), e 800 en pediatría. Dotar de pediatras a todos os Centros de Saúde da Mariña; incrementar os profesionais de apoio coa incorporación de Matronas, traballadores sociais, Odontólogos e hixienistas dentais, Fisioterapeutas, Logopedas, Terapeuta ocupacional, PSX…
De igual xeito, demandan a cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías; dúas equipas completas enfermaría-médica en todos os PACs e dotalos de material.
Atención hospitalaria
Neste punto reclaman a recuperación da Área Sanitaria Roubada; a dotación de electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular, e recuperar a implantación de marcapasos, as operacións de fimose pediátrica…
Dotar tamén do persoal necesario en todas as categorías existentes, e crear prazas públicas de logopedas, terapeutas ocupacionais,… Rematar coas derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña e as privatizacións de servizos hospitalarios (mantemento, historias clínicas…).
“Nin nos rendemos nin nos resignamos e sairemos unha e mil veces á rúa para que o Partido Popular teña moi claro que non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos nosos servizos públicos como é a sanidade de todas e todos”, e por todo o anterior “facemos un chamamento a participar na manifestación do domingo 23 de marzo en Viveiro convocada por Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña”, conclúen.