O PP de Vilalba esixe que o goberno local actúe con responsabilidade e asegure que as obras públicas se fagan con garantías de calidade
Vilalba, 15 de marzo de 2025. O Partido Popular de Vilalba denuncia a lamentable xestión do goberno bipartito de PSOE e Vilalba Aberta, que segue gastando cartos públicos en obras mal executadas que duran menos dun ano. O último exemplo é a rúa da Pravia, onde as beirarrúas presentan desniveis e acumulación de auga a pesar de ser unha obra recente.
Os veciños tamén se queixan do estado das pistas reparadas pola concellería de Urbanismo, Mobilidade, Infraestruturas Rurais e Desenvolvemento Industrial, da que é responsable Modesto Renda, que están cheas de desperfectos. “Estamos nun bucle no que se arranxa, estrágase e hai que volver a gastar cartos. Mentres tanto, desde o goberno municipal seguen sacando fotos e vendendo propaganda, pero os feitos falan por si sos: a súa xestión é un desastre”, denuncian os concelleiros populares.
O caso da ponte da Ribeira foi outro exemplo desta nefasta planificación, onde as deficiencias da obra foron visibles pouco despois do remate da súa “reconstrución integral”. Agora, a historia repítese en toda Vilalba. “Este goberno non xestiona, limítase a vender fume e a enganar aos veciños con vídeos, pero os cartos públicos non poden seguir tirándose en obras que non duran nin un telediario”, insisten os populares.
Desde o PP de Vilalba esixen que o goberno local actúe con responsabilidade e asegure que as obras públicas se fagan con garantías de calidade. “Vilalba merece un goberno serio, que traballe polo veciños e non un que viva da foto e da propaganda”, conclúen.