Alfoz, 15 de marzo de 2025. O Concello de Alfoz vén de poñer en marcha un proxecto de mellora e acondicionamento do parque principal do municipio, Parque Municipal Alcalde José Palmeiro, co obxectivo de ofrecer un espazo renovado e máis accesible para o lecer da veciñanza, así como no parque que se atopa no interior do recinto do colexio CEIP Plurilingüe Castro de Ouro.
As actuacións levadas a cabo incluíron a limpeza das rúas próximas ao parque, o peche con burladeiros de todas as rúas con acceso directo a unha estrada e a retirada de antigas papeleiras en mal estado, coa súa correspondente reposición. Tamén se levou a cabo a retirada de árbores enfermas e a substitución dos elementos de xogo infantil, mellorando ademais o chan destas áreas para aumentar a seguridade dos máis pequenos. Así mesmo, instalouse unha papeleira hixiénica para os residuos das mascotas.
Esta intervención responde a unha demanda dos veciños e busca facer do parque un espazo máis agradable, seguro e inclusivo para todas as idades. A remodelación tamén tivo en conta criterios de sustentabilidade, empregando materiais respectuosos co medio ambiente e fomentando a conservación da biodiversidade.
Proximamente repoñeranse os arbustos para completar o peche do parque, rematando coas melloras neste parque.
As intervencións no parque que está dentro do recinto do colexio incluíu a retirada e limpeza do solo existente e a reposición do danado, así como a limpeza e arranxo dos xogos infantís.
Ademais estudouse a casuística do parque da Feira do 13 e convocarase a unha reunión a asociación parroquial para acordar melloras.
O Concello de Alfoz agradece a colaboración da veciñanza nos meses nos que os parques estiveron en obras e convida a desfrutalos con uso responsable e cívico; querendo recordar que os parques son para uso e desfrute de toda a veciñanza e que debemos coidalos.