RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explica que “Patrimonio entende que non debe entrar no fondo da autorización en tanto Ribadeo non se dote dun instrumento de planificación urbanística do casco vello, como é un PEPRI” referindose á comunicación de Patrimonio na que se desestima o recurso de alzada presentado polo Concello para a construcción dun aparcadoiro soterrado.
Suárez Barcia sinala que “eu como alcalde e goberno municipal acato esta desestimación dese recurso ainda que non a comparto, porque me chama a atención que Patrimonio non tivera tantos remilgos en aprobar ou considerar válido darlle luz verde ao mirador da Atalaia porque eso tamén constitúe un incremento de volumen”. O alcalde engade que “en todo caso este aparcadoiro soterrado entendíamos que tampouco tiña ningún problema tendo un arqueólogo que puidera supervisar a execución das obra. De todos os xeitos todo o que se faga no casco vello desde anos depende do informe favorable de Patrimonio e pouco podemos facer, máis que aplicarnos o conto e aprobar entre todos un PEPRI canto antes. Para eso é fundamental que a Consellería de Política Territorial nos financie a redacción dese documento, que senón me equivoco dentro de moi poucos días poderei ofrecer noticias positivas a este respecto”.