A día de hoxe na IXP Faba de Lourenzá están inscritas só 19 granxas
A Mariña, 15 de marzo, 2025. Diante do anuncio da Consellería do Medio Rural de que se van habilitar axudas directas, de carácter excepcional, para os produtores inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, o Sindicato Labrego Galego reitérase “no que viñemos decindo desde que se constatou a catastrófica situación que viviu o sector na campaña 2024”:
“Non é de recibo, nen xusto, que as axudas directas se dirixan exclusivamente ás 19 explotacións inscritas na IXP: o problema sufrírono todas as produtoras e produtores”.
“Neste momento, e por muitas e variadas razóns que sería ben analizar, a maior parte da produción non está amparada pola IXP”.
“Se as produtoras non están certificando é porque non lle atoparon utilidade ou entendían que non lles compensaba; débese incentivar ás produtoras para que se inscriban na IXP, mais entendemos que isto non pasa por deixalos fora dunhas axudas que poden resultar imprescindibles para a súa continuidade no sector”.
“No SLG entendemos que é necesario consolidar a produción actual: non podemos perder ningunha explotación; é máis: debemos poñer as condicións para que o cultivo da faba, que como recoñece a propia CMR é un sinal de identidade de toda unha comarca, sexa unha actividade atractiva e rendíbel para as explotacións actuais e para as que poidan incorporarse no futuro”.
“Se perdemos produtores e produtoras tampouco vai haber futuro para a IXP”.