Ribadeo, 12 de marzo, 2025. Despois de ter unha primeira convocatoria este curso, o pasado trimestre, o martes 18 de marzo ás cinco da tarde terá lugar unha nova xuntanza do club para falar sobre o libro ‘Resaibo amargo’, o primeiro dos libros publicados da escritora Lucía Ferro. A xuntanza, na que estará presente a autora, terá lugar na biblioteca da Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo.
O club está aberto non só á xente relacionada coa EOI, senón tamén a calquera persoa interesada no libro ou na autora. Nesta nova edición, ademais, participará xente voluntaria do programa de voluntariado da EOI, que se está a desenvolver por segundo ano.
O cartel realizado para a ocasión conta cun código QR para aproximarse á autora e á obra.