Lourenzá, 12 de marzo de 2025. O equipo de goberno de Lourenzá di que o PP fai política con mentiras sobre a restauración do Mosteiro de San Salvador.
“Nos últimos días están a aparecer varias noticias nos medios de comunicación e nas redes sociais onde o Partido Popular de Lourenzá acusa ao goberno local e ao senador César Mogo de mentir sobre a moción presentada polo señor Balseiro no Senado instando ao Goberno a levar a cabo a restauración do Mosteiro de San Salvador. Parece que nin o señor Balseiro nin os concelleiros populares de Lourenzá leron a moción que presentaron ou ben non entenden o que nela se di”, manifesta o goberno municipal de Lourenzá, que engade: “a moción presentada polo PP di exactamente que a obra de rehabilitación integral do Mosteiro de San Salvador sexa liderada e financiada polo Goberno de España e que para iso se elaborará e executará un proxecto de intervención por parte do Goberno ou en colaboración con outras administracións. É dicir, a proposta popular di que a Xunta podería colaborar na elaboración do proxecto pero a rehabilitación correrá a cargo do Goberno de España. Tal e como dicía o senador socialista, César Mogo, paga ti que invito eu. Por certo, non deben saber que o proxecto de rehabilitación xa está elaborado e que foi financiado polo Bispado de Mondoñedo e polo Concello de Lourenzá. Polo tanto, grazas por nada! Seguramente presentaron a moción sen falar previamente cos propietarios do inmoble”.
Ademais o equipo de goberno do Concello de Lourenzá comenta que “tamén din os populares que a Xunta foi o único organismo que colaborou economicamente en obras de restauración do Mosteiro, algo que non é certo porque onde financiou obras a Xunta foi na igrexa de Santa María, a pesar de levar sempre como bandeira que non se deben financiar obras de titularidade privada. Tamén criticaron no seu momento a intervención no tellado por parte do Bispado, algo que freou o deterioro que estaba a sufrir o Mosteiro. Tampouco din a verdade os populares cando culpan so ao Goberno da inclusión da restauración do Mosteiro no Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22. A primeira inclusión foi obra da Xunta de Galicia a pesar de que aparecía ben claro nas bases que os monumentos tiñan que ser de titularidade pública (algo obrigatorio porque estaba financiado con fondos europeos e así o requirían). É certo que o Goberno non debeu ter en conta esta obriga e posteriormente foi excluído do listado o Mosteiro laurentino xunto con outros máis”.
Para o goberno municipal “agora queren aparecer os populares laurentinos como salvadores do Mosteiro, cando hai que recordar que foron eles os que gobernaron durante máis de tres décadas e non fixeron nada para non chegar a esta situación de deterioro. Pero, en fin, xa sabemos que o de arrimar o ombreiro non vai con eles. Se quixeran facer algo positivo poderían acadar moitos compromisos e axudas da Xunta que redundaran no benestar dos nosos veciños e veciñas e non só algunha carpa para as festas dalgunha parroquia (que tamén se agradecen)”.