Tamén se está pechando a realización de xornadas informativas e formativas dirixidas aos fabeiros, para fomentar a incorporación de prácticas agronómicas na produción
Lourenzá, 11 de marzo de 2025. O Partido Popular de Galicia salienta o compromiso da Xunta de explorar todas as vías ao seu alcance para achegar liquidez aos produtores de Faba de Lourenzá e garantir que poidan afrontar a nova sementeira.
Representantes do PPdeG da provincia de Lugo e responsables do Goberno galego están a manter diferentes reunións de traballo co sector e cos municipios da zona para avanzar nestas cuestións. A primeira reunión celebrouse o 30 de xaneiro na Delegación da Xunta en Celeiro co presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, José Cuadrado. Posteriormente, o pasado día 7 de marzo o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantiveron outro encontro con fabeiros e responsables municipais no que se sentaron as bases da colaboración a prol deste cultivo senlleiro da Mariña luguesa. Unha temática que se segue a abordar con diferentes encontros de traballo con produtores e responsables municipais da comarca.
Por parte da Xunta estase ultimando a apertura dunha liña de axudas orientada ao financiamento do investimento que precisan acometer os produtores para a nova sementeira. Estase procurando o necesario encaixe formal e legal desta medida, que se concretará á maior brevidade posible.
Por outra banda, tamén se está pechando a realización de xornadas informativas e formativas dirixidas aos fabeiros, para fomentar a incorporación de prácticas agronómicas na produción, tales como a rotación de cultivos, marcos de plantación, eliminación de virosis na semente, que se consideran necesarias para mellorar este cultivo.
Nesta liña, trabállase na organización deste tipo de encontros técnicos e a Consellería do Medio Rural xa puxo a disposición do sector o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo para acoller estas xornadas, así como tamén para converterse en punto de realización de campos de ensaio.
A maiores, trabállase noutras liñas de colaboración. Entre elas salientan o apoio para a modificación do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), co fin de mellorar a comercialización e a rendibilidade para produtores de faba certificada. Tamén, a procura de saída comercial para a faba manchada (que non se certifica pola IXP), mediante a súa posible saída vía humus.
Ademais, valórase a realización de accións promocionais para o impulso do consumo, favorecendo a identificación nos puntos de venda da faba certificada e a posta en marcha dunha liña de traballo de investigación a través do CIAM de Mabegondo para analizar a eficacia actual dos tratamentos fitosanitarios e búsqueda de novos tratamentos para abordar a incidencia de fungos ante o cambio climático.