Ribadeo, 11 de marzo de 2025. Ribadeo arranxa as beirarrúas da rúa Alza ata a confluencia coa Río do Amalló, debido ao mal estado que presentan. O alcalde, Dani Vega, asegura que non houbo tarefas de conservación durante un longo período de tempo.
O rexedor dixo que “planificamos unha inversión para mellorar as nosas rúas. Dende logo, parécenos moi importante conservar as nosas rúas e hai que buscar o orzamento necesario para arranxalas, para investir na súa mellora”.
Vega subliñou que “neste caso, comezamos na rúa do cemiterio, a rúa Alza, dado que se fundiu literalmente a beirarrúa e tivemos que actuar de emerxencia. O que estamos detectando é que nas rúas de Ribadeo non houbo unha conservación e agora hai que actuar de forma urxente e rápida, en practicamente todas. Neste momento vamos actuar na rúa do cemiterio, vamos arranxar toda esa beirarrúa e tamén vamos actuar ata chegar á rúa Río do Amalló, ata onde está O Cabazo practicamente, asegurando todas as beirarrúas e tamén limpando toda esa suciedade acumulada durante anos”.
O alcalde ribadense considera que “o que hai que facer durante estes próximos anos é arranxar e investir e mellorar moitas rúas. Pero tamén é moi importante que teñamos presente que hai que conservar todo o que facemos. Agora toca mellorar toda esa zona. Seguramente que na rúa Irmáns Moreno Ulloa temos que actuar tamén facendo algún tipo de decapado e conservando, pero pouquiño a pouco vamos empezando nesa conservación das rúas de Ribadeo que durante toda unha etapa, durante un período, houbo pouca conservación e agora xa hai que actuar de forma urxente en practicamente todas elas”.