Trabada, 11 de marzo de 2025. O alcalde de Trabada, Rubén García, participou onte nunha reunión coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, para abordar a situación da produción da Faba de Lourenzá e buscar posibles vías de colaboración que beneficien aos produtores. No encontro, celebrado en Santiago de Compostela, estiveron presentes Marcos Cabanas, en representación dos produtores de faba de Trabada, e dous representantes do Concello de Lourenzá.
A xuntanza tivo como obxectivo principal trasladar á Xunta de Galicia a preocupación pola reducida colleita de faba rexistrada no último ano, debido ás adversas condicións climatolóxicas. O rexedor de Trabada lembrou que esta problemática xa fora exposta nunha reunión celebrada no mes de xaneiro co Sindicato Labrego Galego e cos produtores locais, e que desde o Concello de Trabada se solicitou a reunión coa Consellería para trasladar a situación de primeira man.
Na reunión abordáronse diferentes medidas para apoiar e potenciar a produción da faba, entre elas a formación de profesionais do sector, a investigación e o estudo da viabilidade de axudas directas aos produtores. “Queremos atopar solucións reais que beneficien aos produtores de faba tanto de Trabada como de Lourenzá e, en definitiva, de toda A Mariña”, afirmou Rubén García. Ademais, o rexedor estacou a importancia de potenciar a IXP Faba de Lourenzá para que cada vez sexa máis competitiva e conte con máis produtores.
O alcalde de Trabada quixo agradecer á conselleira María José Gómez a súa boa disposición e rapidez para atender esta problemática, e expresou a vontade do Concello de colaborar con todas as administracións para levar a cabo proxectos e accións que melloren a situación dos produtores locais. “Trabada está aberta a colaborar con todas as administracións para impulsar iniciativas que beneficien aos nosos veciños e veciñas”, concluíu o rexedor.