Non, Wikipedia non remata de rimar con women, isto é, non rima con mulleres nin en inglés. Parece evidente se nos fixamos nas regras que fomos estudando no seu tempo que constitúen a base do ritmo poético. Pero tampouco no ritmo ó que me refiro, ó de edición de artigos e ós artigos ‘que tratan sobre’ mulleres.
Dende a fundación Wikimedia e dende o movemento que a sostén, sábese desa brecha neses dous tipos de uso. Hai outro xeito de uso que é abondo máis difícil de estudar, o de consulta da wikipedia. Mentres a existencia de artigos referidos a un ou outro sexo de xeito predominante é constatable, a diferencia entre ser editor ou editora só é detectable nunha baixa porcentaxe de casos (por baixo do 10 % do total), aínda que en número abondo como para poder inferir que hai moitos máis editores que editoras, pero pouco se sabe da consulta diferencial por sexo.
Con datos recollidos a partir dunha entrada de Mentxu Ramilo Araujo no blog interno de Wikimedia España, ‘Celebrando el 8M: una reflexión sobre mujeres protagonistas en Wikipedia‘, chegamos a algunhas cifras interesantes. A primeira, sobre a xente que edita na Wikipedia. Na versión castelá, entre os e as persoas que editan e que teñen escollido preferencia de sexo, entre 2019 e 2025 a porcentaxe de mulleres pasou de 22,78 % a 22,83 %. é dicir, aumentou non un 2 %, senón un 2 por mil. É dicir, unha variación irrelevante, que por moito que sexa aumento, non deixa de significar que só hai editando na Wikipedia en castelán un número de mulleres pouco maior a un cuarto do número de homes. Se se mira no número de artigos feitos por mulleres, a porcentaxe é aínda menor, pouco máis que un de cada seis. A pouco que se pense, chégase a que a Wikipedia ten un nesgo de sexo
Centrándonos na Galipedia, a versión galega da Wikipedia, a porcentaxe de biografías correspondentes a mulleres, pasou de 18 % a 20,6 % entre 2020 e 2025, mantendo un medre continuo, se ben vai perdendo pulo os últimos anos. Na liña da versión en castelán, pouco máis de unha biografía de cada cinco é de muller. Estamos nesa porcentaxe por riba do inglés, do alemán ou do italiano, e aumentando a porcentaxe algo máis rápido que nesas versións, pero neste 8M de 2025, vemos que aínda queda para a igualdade. Tratándose da enciclopedia de referencia a nivel mundial, temos camiño por diante.