Hai poucas cousas máis perigosas en política que un “Magapatriota” con memoria curta. E se ese patriota, ademais, ten acceso ao botón nuclear dos aranceis, a tormenta está servida. En San Ciprián, onde cada quenda de traballo de Alcoa soa como un latexado industrial dun desfibrilador, xa comeza a notarse a sombra dun Donald Trump que volve á carga co seu “America First”.
Un lema pegadizo que, se un rasca un pouco, resulta ser máis ben un “America Only” que outra cousa.
O mesmo Trump que presume de defender ás empresas do seu país está a piques de darlle un bo pau (quizais o último) a unha planta que, aínda que está plantada na costa lucense, é parte dunha multinacional americana. Alcoa San Ciprián, que leva décadas sacando aluminio primario, pertence —como ben sabemos— a unha empresa dos Estados Unidos. É dicir, os mesmos aranceis e barreiras que Trump quere poñer para frear o aluminio europeo, vanlle dar de cheo a unha empresa americana en territorio galego.
Porque claro, se Alcoa Galicia lle vende aluminio a un cliente en Chicago, ese aluminio xa non é aluminio de Alcoa, senón “aluminio europeo”, que é pouco menos que dicir “aluminio sospeitoso”. E a pagar peaxe toca. Se iso é defender a industria local, que veña alguén e mo explique cun debuxo, o mesmo Elon, se lle apetece.
E ollo, que o problema non é só pagar máis. Nunha planta como San Ciprián, cada tonelada que non sae é un disparo no pé. Cando baixa a produción, suben os custos, porque manter as cubas, pagar á xente, mover o porto ou manter as contratas custa o mesmo ou máis, aínda que fabriques menos. Menos mercado, menos produción, menos eficiencia. Unha espiral perfecta cara ao desastre. Se Trump quere protexer a súa industria, o que está facendo é xusto o contrario: forzar a Alcoa a investir nos Estados Unidos e non en Galicia. E cando unha planta deixa de ser estratéxica, convértese nunha molestia contable. Xa sabemos como acaban esas historias. Querido Presidente, o mundo é global.
A situación ten o seu relato: mentres os traballadores de San Ciprián seguen remando para manter a planta a flote, loitando co prezo eléctrico máis caro de Europa, co aluminio chinés esnaquizando prezos e coa eterna lea entre a Xunta e o Goberno central por ver quen se pon a medalla de salvador, que a ninguén salva, resulta que o golpe final pode vir desde o mesmo Washington. Por querer protexer ás súas empresas, Trump pode acabar fastidiando unha empresa das súas. É o nivel premium da incoherencia xeopolítica e de un pouco de ignorancia. Igual a solución é fichar a Abascal de director do complexo, quen sabe.
Ou acaso en Alcoa van empezar a diferenciar entre traballadores de primeira e de segunda, segundo o código postal da planta? Porque se de verdade cren que un tipo de Kentucky é máis Alcoa que un galego que leva 30 anos traballando en San Ciprián, é que non entenderon nada sobre como funciona o mundo.
Mentres tanto, aquí na Mariña seguiremos esperando por unha política industrial con máis memoria e menos bandeira. Porque xa está visto que, neste taboleiro, o xogo non vai de defender aos traballadores, nin sequera ás empresas. Vai de lanzar titulares para que aplaudan catro hooligans e que pase o que pase, o golpe págueno os de sempre: os que fichan ás seis da mañá.
San Ciprián non precisa leccións de patriotismo, de ningún. O que necesita é luz barata, estabilidade e un pouco de sentidiño. O que lle sobra é fume e bandeiras de poñer e quitar.
Piñeiro Docampo
Consultor de Negocios
Sº Xeral de CxG
Membro da Dirección do Partido Demócrata Europeo