A subdelegada do Goberno subliñou que as accións formativas centraranse na adquisición de competencias dixitais, organización loxística sustentable e eficiencia enerxética
Lugo, 28 de febreiro de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, presentaron hoxe un novo programa formativo dirixido a traballadores e traballadoras da provincia. Esta iniciativa, financiada con máis de 700.000 euros polo Goberno de España a través do Plan de Recuperación, beneficiará a máis de 1.260 alumnos en centros de traballo de Lugo.
O obxectivo deste programa é mellorar a cualificación e recualificación da poboación activa en sectores estratéxicos, poñendo especial énfase na transformación dixital e a transición ecolóxica. A subdelegada destacou que este investimento responde á necesidade de fortalecer as competencias dixitais, optimizar a loxística con criterios de sustentabilidade e fomentar o aforro enerxético nos procesos produtivos.
“A formación é clave para mellorar a empregabilidade e a competitividade das empresas. Con iniciativas como esta, o Goberno reafirma o seu compromiso coas persoas traballadoras e o tecido empresarial de Lugo”, sinalou Isabel Rodríguez. Ademais, eloxiou o papel da CEL na xestión destes fondos, destacando a súa responsabilidade e rigor na promoción da formación e o emprego na provincia.
Rodríguez tamén animou ás persoas interesadas a aproveitar esta oportunidade para actualizar os seus coñecementos e adaptarse ás novas demandas do mercado. “O noso compromiso con Lugo é firme, e demostrámolo con investimentos que superan os 2.300 millóns de euros en materia de infraestruturas e economía social no último ano. Seguiremos apostando polo desenvolvemento da provincia co apoio de entidades como a CEL, que contribúen a fortalecer o benestar social de todos os lucenses”, concluíu a subdelegada.