A área de Rural colabora coa organización da feira, que rememora a orixe gandeira das festas de San Miguel de Reinante
Lugo, 28 de febreiro de 2025. A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa organización da Feira de San Rosendo en San Miguel de Reinante, en Barreiros, que rememora a orixe gandeira desta celebración.
O centro de referencia desta fin de semana festiva é a feira de gando que se celebra o 2 de marzo, coa presenza de exemplares de diferentes razas autóctonas: Morenas do Noroeste, Ovella e Cabra Galega, Porco Celta e cabalos de Pura Raza Galega, ademais doutras actividades de exhibición é lúdicas vinculadas á gandería cabalar.
Así ao longo da mañá, celebrarase un concurso morfolóxico de Pura Raza Galega, puntuable para o campionato galego, e un concurso morfolóxico de cabalos de monte en corraletas. Á tarde, realizarase unha ximkana ecuestre coa participación de amazonas e xinetes da contorna.
Como aperitivo, hoxe venres e mañá sábado, a partir das 20.00 horas, poderanse tapas elaboradas a base de carne de poldro nos bares de San Miguel de Reinante. A iniciativa encádrase dentro do programa de fomento do consumo de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto, promovido pola área de Rural, que estará presente en feiras gandeiras da provincia ao longo deste ano.
Programa
Venres 28 febreiro
20.00 horas.
Degustación de tapas elaboradas a base de carne de poldro de Pura Raza Galega nos bares de San Miguel de Reinante. Programa de degustacións Un gusto de rural, un rural degusto
Sábado 1 de marzo
13.00 horas
Misa, actuación da sección infantil de O Arco da Vella e sesión vermú co conxunto viveirense Escolma de Meus
18.00 horas
Aberto de Billarda
20.00 horas
Degustación de tapas elaboradas a base de carne de poldro de Pura Raza Galega nos bares de San Miguel de Reinante. Programa de degustacións Un gusto de rural, un rural degusto
22:00 horas
Orquestra Los Satélites
Domingo 2 de marzo
9:30 horas
Apertura da Feira de Gando.
10:30 horas
Apertura da Feira de Artesanía
Durante a mañá, na contorna da feira de gando concursos morfolóxicos de PURAGA e demostración de pastoreo con Border Collie.
Pola tarde, de novo demostracion de pastoreo e xincana ecuestre.