Será diante do Concello ás 12 horas
Burela, 27 de febreiro, 2025. “Traballo, Igualdade, Salarios dignos. Galiza con Dereitos” é o lema da campaña do 8 de Marzo deste ano co que se expresa a denuncia da precariedade en que a maioría das mulleres desenvolven o seu traballo. Así, constatamos que, a pesar da evolución en materia de dereitos formais, a lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial, garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados, nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor.
Ao mesmo tempo, seguimos padecendo uns servizos públicos moi insuficientes para facermos fronte ao coidado das persoas dependentes, o que causa un prexuízo no desenvolvemento laboral e persoal das mulleres fundamentalmente.
Traballo, igualdade e salarios dignos son os principios que deben mover a nosa acción sindical a diario e que queremos reivindicar unidas tamén na mañá deste sábado 8 de Marzo nas convocatorias de mobilización de Mulleres.