Trabada, 26 de febreiro de 2025. O Concello de Trabada vén de solicitar unha nova axuda á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para levar a cabo un proxecto de mellora da accesibilidade e renovación do Teleclub de Sante. A actuación busca garantir que todas as persoas, incluídas aquelas con mobilidade reducida, poidan acceder e utilizar as instalacións en condicións óptimas.
O proxecto, cun orzamento superior aos 51.000 euros, inclúe a instalación dunha rampa de accesibilidade que permitirá o acceso de cadeiras de rodas, así como a reforma interior do local para optimizar os espazos e mellorar a súa funcionalidade.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta iniciativa dentro do compromiso municipal de renovar e mellorar os locais do concello. “Queremos que os nosos veciños e veciñas poidan desfrutar das diferentes actividades que se desenvolven en todas as parroquias nunhas instalacións renovadas e en boas condicións”, afirmou.
Dende o Concello de Trabada agárdase que esta axuda permita levar a cabo as melloras previstas, contribuíndo así a crear espazos máis accesibles e cómodos para toda a veciñanza.