Indica que este programa da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) conta cun orzamento de 10 M€ e ofrece axudas que oscilan entre os 50.000 e os 200.000 euros
Lugo, 25 de febreiro de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a partir do vindeiro xoves, e ata o 27 de marzo, as empresas do sector forestal poderán solicitar as axudas da Xunta para acondicionar instalacións e mercar nova maquinaria e equipamento máis avanzado.
Lorenzana mantivo hoxe unha reunión de traballo cos membros da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira (LugoMadera), integrada por 272 empresas con actividade na provincia de Lugo, que representan o 48% do total que hai en Galicia.
Segundo informou, este programa de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria, vai contar cun orzamento de 10 millóns de euros para o período 2025-2026, con axudas que oscilan entre os 50.000 e os 200.000 euros.
En concreto, a convocatoria inclúe 5 liñas: para maquinaria de tratamentos silvícolas; de medición de masas forestais; para a comercialización da castaña e da resina; para a compra de equipos portátiles e maquinaria de clasificación automática da madeira e de produtos serrados; e, por primeira vez, para a medición e trazabilidade do inventario forestal e daquela madeira aproveitable.
Son axudas para promover a modernización e a competitividade do sector, que abrangue en Galicia máis de 3.000 empresas (o 12% do emprego industrial), cunha facturación que supera os 2.400 M€ e case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira que se aproveitan cada ano.
Lorenzana apuntou que na xuntanza falouse sobre cuestións que preocupan ao sector; en particular, sobre a investigación forestal e a necesidade de traballar para mellorar xeneticamente o recurso. “É fundamental pechar as cadeas de valor en Galicia, que todo o recurso forestal que temos na comunidade autónoma, que é inxente, que se ten que seguir potenciando nos vindeiros anos, xere economía, industria e postos de traballo de calidade”, concluíu.