Mondoñedo, 21 de febreiro, 2025. Este venres 28, coincidindo co cuadraxésimo cuarto cabodano de Álvaro Cunqueiro, faráselle entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 á Editorial Galaxia, editora da maior parte das obras de Álvaro Cunqueiro, tales como Merlín e Familia, As crónicas do sochantre, O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca ou Os Outros Feirantes, entre outras. Será en Mondoñedo, no marco dos actos conmemorativos da efeméride do escritor.
Os actos de conmemoración do cabodano de Cunqueiro comezarán ás 11:00h no Cemiterio Vello, onde terá lugar a Ofrenda Floral diante da tumba do autor. Está previsto que asistan á mesma autoridades locais, provinciais e autonómicas, así como familiares de Álvaro Cunqueiro, intelectuais da cidade e unha representación da Editorial Galaxia. Nesta mesma visita, e como xa é tradición, tamén se depositará unha rosa vermella na tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, outro dos grandes próceres literarios mindonienses.
A seguir, a comitiva trasladarase ao Salón de Plenos do Concello, onde se celebrará a cerimonia de entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra á Editorial Galaxia. Alí tomará a palabra en primeiro lugar, en nome da comisión responsable da distinción, o coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo. Acto seguido será César Cunqueiro, fillo do insigne escritor mindoniense. quen intervirá e fará a laudatio da institución homenaxeada. Inmediatamente despois, o representante da Editorial Galaxia pronunciará o seu discurso de recepción e o acto rematará coa intervención das autoridades e da presidencia, amais de coa lectura pública dunha obra de Cunqueiro, que iniciará a entidade distinguida e continuarán logo outras persoas asistentes.
Todos os actos deste día son públicos e abertos a quen queira achegarse a homenaxear o noso ilustre D. Álvaro Cunqueiro.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, convidan ao seu medio a asistir e agradecen a difusión da nova.