A Xunta de Goberno avanza na contratación de diferentes actuacións na LU-P-6508 en Vilalba, na LU-P-4702 na Pobra do Brollón, na LU-P-0301 en Antas de Ulla, na LU-P-4901 en Portomarín, na LU-P-0106 entre Abadín e Vilalba, e na LU-P-1611 no Corgo
Lugo, 21 de febreiro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento para mellorar a mobilidade da provincia por un importe de 2,23M€ en diferentes actuacións que afectan a estradas de todo o territorio. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a sesión celebrada esta mañá na que detallou que entre as diferentes actuacións, a institución licita tres proxectos e adxudica outros tres para mellorar seis estradas provinciais con 1,5M€.
Nese sentido, García Porto destacou que no concello de Vilalba a Deputación licita o proxecto para rehabilitar preto de tres quilómetros na LU-P-6508, que é a estrada que conecta os lugares de Vilate e Ribado, na parroquia de San Martiño de Lanzós. Os traballos, cun prezo de 68.603,03€, afectan ao treito comprendido entre o quilómetro 2 e o 4,861 e consistirán na reapertura de cunetas, o saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación. O prazo de execución será de dous meses desde que comecen as obras.
“É unha actuación importante para o concello chairego porque esta é unha das parroquias máis grandes do municipio, na que viven preto de 500 veciños e veciñas e que conta con diferentes puntos de interese como a Casa-Escola de Lanzós, o castro do Adro, ou a capela de San Andrés”, apuntou García Porto.
Na Pobra do Brollón quedaron licitadas as obras para rehabilitar preto de máis de oito quilómetros na LU-P-4702, que é a estrada que conecta os lugares Vilachá e Estación por Rozabales. Os traballos, cun prezo de 466.626,44€, afectan ao treito comprendido entre o quilómetro 2,575 e o 10,897 e consisten en tarefas para mellorar a drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. O prazo de execución será de tres meses desde que comecen as obras.
A Deputada destacou a importancia dos traballos que “mellorarán as comunicacións da veciñanza de Vilachá de Salvadur, Airexa e Salgueiros”.
Licitado tamén en Antas de Ulla un proxecto para mellorar case tres quilómetros na LU-P-0301, que une a vila de Antas co límite da provincia de Pontevedra, por Rodeiro. Os traballos, cun prezo de 152.181,89€, afectan ao treito comprendido entre o quilómetro 3,657 e o 6,527 e consisten na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. O prazo de execución será de tres meses desde que comecen as obras.
Unha actuación que, segundo as palabras de Pilar García Porto, “dará continuidade ós traballos que xa está a realizar a Deputación no tramo anterior da vía, que é o que dá acceso ó Parque Central de Galicia en Nugallás, con preto de medio millón de euros”.
No que ten que ver coa mellora da mobilidade da provincia, a Xunta de Goberno adxudicou ademais outros tres proxectos do plan para mellorar e acondicionar a rede provincial nos concellos de Portomarín, Abadín, Vilalba e O Corgo.
En Portomarín, a empresa Construcciones Carballeira SL resultou adxudicataria da mellora dun tramo de algo máis de dous quilómetros da LU-P-4901, que conecta a aldea de Camporredondo coa parroquia de Castromaior, por Nespereira. O prezo da adxudicación é de 53.700,66€ para o treito que vai do inicio da vía ó punto quilométrico 2,022. O proxecto inclúe a reapertura de cunetas e a reparación do pavimento e o prazo de execución será de 2 meses desde o inicio dos traballos.“Esta vía provincial enlaza a estrada nacional 540 e a autonómica LU-633, ambas con moito tráfico”, valorou a Deputada.
Francisco Gómez y Cía SL será ademais a empresa encargada dos traballos de rehabilitación da estrada provincial LU-P-0106 ao seu paso polos concellos de Abadín e Vilalba. Esta é a vía que conecta a parroquia abadinense de Corvite co lugar de Martiñán, na parroquia vilalbesa de Corvelle. A Deputación mellorará con este proxecto, que contará cun orzamento de 193.532€, dous treitos da vía: os primeiros 700 metros da estrada; e o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 2,920 e 6,043.
Uns traballos que García Porto destacou que “virán mellorar as comunicacións na comarca chairega xa que esta vía comunica a autonómica LU-113, de Rozas a Abadín coa Nacional 634”.
Finalmente, no Corgo, a Deputación adxudicou á empresa Francisco Gómez y Cía os traballos de mellora de dous tramos do cinto comarcal, a estrada LU-P-1611. Con este proxecto, que conta cun prezo de adxudicación de 541.999,99€, a institución provincial rehabilitará dous treitos da vía: do seu inicio ao punto quilométrico 5,600 e do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 6,600 e o 7,535.
“O cinto comarcal é esencial para as comunicacións da nosa provincia. De feito, este investimento súmase ó que vén de acometer a institución provincial nos últimos anos, en torno ós 3,65M€”, lembrou a responsable provincial.
Emulsión asfáltica
Adxudicado o contrato para a subministración de emulsión asfáltica para o Parque Móbil á empresa Probisa Produtos Bituminosos SLU. O importe ascende aos 756.250€ e o prazo de duración deste contrato será de 6 meses, prorrogables por outros 6.
Convenio con Taboada
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a un convenio de colaboración co Concello de Taboada por preto de 138.000€ para rehabilitar o edificio da antiga Cámara Agraria, situado na praza de Muñelos, e destinalo a un local multiusos. Trátase dun inmoble construído no 1950 e “urxe a súa remodelación”.
Grazas a este acordo “Taboada non só recuperará un edificio histórico, senón que tamén contará con un espazo útil no que poder organizar numerosas actividades para fomentar a convivencia ente os veciños e veciñas”, destacou a Deputada, quen detallou que os traballos previstos consistirán na demolición dos tabiques interiores; a incorporación de 2 aseos na planta baixa, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida e un terceiro na planta alta; a dotación de ambas plantas das correspondentes instalacións de auga, luz e rede de sumidoiros e tamén se substituirá a carpintería actual; e no exterior, instalarase unha nova cuberta conservando a estrutura existente.