Ribadeo, 17 de febreiro de 2025. Ata o 14 de marzo está aberto o prazo de inscrición no XVIII Ribadeo de Tapeo, que terá lugar en maio.
A concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz, explicou que “poderán participar todos os establecementos hostaleiros e de restauración localizados en Ribadeo: bares, mesóns, restaurantes e cafeterías, que se inscriban e acepten as bases que poden atopar colgadas na web do noso concello: www.ribadeo.gal”.
A edil ribadense dixo que “este evento ten como fin apoiar o desenvolvemento da cultura das tapas e fomentar a calidade da gastronomía de Ribadeo. O XVIII Ribadeo de Tapeo terá lugar do 10 ao 18 de maio. Os participantes poderán presentar 1 tapa: salgada ou doce; ou dúas tapas, que deberán ser unha maridaxe entre salgada e doce. As preparacións poderán ser frías ou quentes”.
Saiz subliñou que “as tapas deberán servirse durante un período de 4 horas ao día, que pode ser a mediodía, pola tarde ou unha combinación de ambas posibilidades, dando así a opción a todos os establecementos de hostalería e restauración a poder participar independentemente das súas condicións e posibilidades. Un xurado profesional elixirá as catro tapas gañadoras e haberá, como ven sendo habitual, a tapa do público, que será a máis votada pola clientela dos locais participantes no XVIII Ribadeo de Tapeo”.
A concelleira de Promoción Económica anima “á hostalería da vila de Ribadeo e das parroquias a participar nesta cita gastronómica, que acada a súa maioría de idade neste 2025”.