Os usuarios reclaman unha comida digna e piden que se elabore na propia cociña coa que conta a vivenda
A Pontenova, 13 de febreiro, 2025. Ante as queixas xurdidas novamente na vicenda comunitaria de A Pontenova polo servizo de comida por unha empresa de cátering, o concelleiro do BNG Xorxe Gómez e o deputado mariñao Daniel Castro reuníronse cos usuarios e usuarias da vivenda comunitaria pertencente ao Consorcio Galego de Igualdade e Servizos Sociais pertencente á Xunta de Galicia. As usuarias e usuarios manifestaron o seu malestar porque a situación volveu a empeorar despois da visita á vivenda do director do Consorcio, ainda que en días posteriores á mesma mellorara a calidade das comidas pero a día de hoxe volveu a empeorar.
O BNG no seu día, e fruto doutra reunión con usuarios levara a problemática ao Parlamento e desde a Conselleria de Presidencia responderase que a empresa de cátering cumpría o seu contrato dando un servizo que se axustaba aos estándares de calidade establecidos.
Que a comida se faga na Pontenova e con produtos de proximidade
Ante esta nova situación, o BNG volverá a preguntar no Parlamento pola situación e trasladará a reivindicación dos usuarios de que a comida se elabore na propia cociña da que dispón a vivenda comunitaria, que está sen estrenar e está dotada de todos os aparatos necesarios e modernos, coma forno industrial, neveiras….. “A alimentación é un servizo esencial cando falamos de calidade de vida e o benestar de persoas usuarias de centros sociais polo que a responsabilidade da administración pública, neste caso da Xunta, é a de fornecer alimentos de máxima calidade e co máis alto valor nutricional” manifestou o deputado Daniel Castro, que insistíu na necesidade de que a comida se faga na propia vivenda comunitaria de A Pontenova, e con produtos de proximidade, e desbotando a figura do cátering.