Cada familia pode ter acceso de varias persoas para consultar prestacións, servizo, persoal asignado e outras informacións de interese
Barreiros, 13 de febreiro de 2025. O Concello de Barreiros vén de poñer en marcha un novo servizo dirixido ás familias de persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co que facilitan a información e a comunicación entre familias e o propio servizo.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que se trata dunha aplicación móbil gratuíta na que poden darse de alta varias persoas e a través da cal se comunican de forma máis inmediata as modificacións ou informacións que atinxan ao servizo. “Trátase de dar tranquilidade ás familias con persoas usuarias, de xeito que teñan toda a información a disposición dun xeito áxil e sinxelo”, explica.
Ermida dirixiu unha carta a todas as familias, xunto coa concelleira delegada de Servizos Sociais, Carmen Veiga, na que traslada o compromiso do goberno municipal cos servizos públicos e, especialmente, no ámbito dos coidados, lembrando que “o SAF é un servizo prioritario, o esforzo inversor do Concello de Barreiros no mesmo é continuo, tratando de manter unha prestación pública directa como garante dun mellor servizo; o que supón que, pese a que o financiamento do mesmo non está asumido na súa totalidade pola Xunta de Galicia e o Estado, tal e como establece a Lei; o Concello de Barreiros segue prestando e investindo no servizo co obxectivo dun Concello no que as persoas sexan o centro das políticas. Tanto é así, que máis de tres cuartas partes do custo do servizo son asumidas exclusivamente polo Concello de Barreiros”.
Carmen Veiga manifestou igualmente que “tampouco o Concello é alleo aos cambios e avances nos dereitos das persoas traballadoras, por iso o servizo ten que organizarse atendendo ás necesidades do persoal traballador do mesmo e tratando de combinar eficientemente os dereitos do cadro de persoal cos dereitos de persoas usuarias e familias”.
A APP é totalmente gratuíta e pode solicitarse poñéndose en contacto co departamento municipal e facilitando os datos da persoa ou persoas que queren ter acceso á mesma.