Os populares censuran que o goberno do PSOE argumente que “non hai fondos” para responder ás súas preguntas sobre a cancelación da comida dos maiores e a non reposición dun cristal da pista de pádel dende fai máis de 6 meses
Lourenzá, 13 de febreiro de 2025. “O goberno socialista de Lourenzá ten paralizado o Concello”, segundo denuncian os populares ante as respostas que ofreceron ás preguntas dos concelleiros do PP no último pleno.
Os populares cren que “o único que fai o equipo de goberno do PSOE é poñer escusas”. De feito, argumentou que “non hai fondos” para dar resposta á pregunta do Grupo Municipal Popular polos motivos da cancelación da tradicional comida dos maiores e da non reposición dun cristal na pista de pádel.
Dende o PP de Lourenzá botan en falta a celebración que se convertía nun día de encontros e para compartir cos amigos e veciños. Así mesmo, advirten que a pista de pádel leva máis de medio ano sen poder usarse pola falta dese cristal. Incluso os veciños que queren facer uso dela e non poden, teñen que desprazarse a outros concellos veciños.
O portavoz, Roberto Díaz, condena a “falta de vontade e interese” en organizar os eventos habituais para a sociedade laurentina e “executar obras ou algún outro tipo de actuacións de conservación e mellora das instalacións e outros espazos de titularidade municipal”.
“É unha pena que se perdan servizos, tradicións e infraestruturas pola falta de xestión do goberno socialista, un goberno acomodado que non é capaz de xestionar as cousas máis básicas do día a día dun Concello”, manifestan.