Dita vía é o principal acceso dende o lado de Viveiro a unha das principais praias do Vicedo, que ademais é unha das máis coñecidas e visitadas da provincia, motivo polo cal urxe mellorar esta vía provincial non só para facer máis cómodo o acceso en vehículo, senón dotando a vía de máis seguridade para centos de peóns que por ela circulan tamén no verán
O Vicedo, 13 de febreiro de 2025. O Grupo Provincial Popular demanda ao goberno de PSOE e BNG o arranxo en aglomerado dun treito de 1,3 km da LU-P-6405 que da acceso á praia de Xilloi dende o lado de Viveiro. “O que pedimos ao goberno de PSOE e BNG presidido por Tomé é que atenda ao acordo plenario do Concello do Vicedo adoptado por unanimidade e ás peticións dos veciños e veciñas afectadas que no seu día presentaron sinaturas ante a Deputación de Lugo”, explicou Antonio Ameijide.
O portavoz visitou xunto ao viceportavoz, Demetrio Salgueiro, o municipio e comprobaron o estado das vías de titularidade provincial da man do alcalde do municipio, Jesús Novo. O rexedor trasladou o seu agradecemento polo anuncio do arranxo doutro treito da mesma estrada correspondente ao treito urbano por parte da Deputación de Lugo, pero incidiu en que “é necesario actuar no tramo que quedou sen aglomerar. Non se entende que quedara este pequeno treito sen executar”.
A praia de Xilloi, con bandeira azul dende fai moitos anos, é un dos reclamos do concello do Vicedo polo que a estrada que dá acceso a este areal no verán rexistra un importante volume de tráfico, coma todas as vías de comunicación coas praias da Mariña.
O goberno da Deputación comprometérase en anteriores mandatos a aglomerar os accesos ás praias, pero no caso desta vía provincial hai un treito que non chegou a recibir o mesmo tratamento que os demais.
Ademais das sinaturas dos veciños do Vicedo para solicitar este arranxo, o Pleno do Concello acordaba o 20 de novembro de 2020 dirixirse á Deputación de Lugo para acometer esta actuación “o antes posible”. Con todo, “a pesar de que o portavoz do PSOE aseguraba no seu momento que se estaba a redactar o proxecto para pasar á contratación e á execución das obras, pasaron máis de catro anos e non se fixo nada”. Polo tanto, “mentiron e menten aos veciños de forma reiterada”.
Ameiijde urxe a mellorar esta vía provincial “non só para facer máis cómodo o acceso en vehículo, senón dotando a vía de máis seguridade para centos de peóns que por ela circulan tamén no verán”.
IMPULSO AO TURISMO E TRATO IGUALITARIO
O portavoz popular apuntou que “o que pedimos ao goberno de Tomé é unha aposta clara por favorecer o acceso ás praias e puntos de interese turístico para contribuír a desenvolver o sector. Tamén reivindicamos a igualdade de trato a tódolos concellos independentemente da súa cor política”.
E, por suposto, que “Tomé cumpra un compromiso adquirido por gobernos anteriores do seu mesmo partido, escoite aos propios veciños e veciñas e que atenda a un acordo unánime dos concelleiros da corporación municipal, incluídos os do PSOE aos que deixa en evidencia”.
Urxe mellorar esta vía provincial non só para facer máis cómodo o acceso en vehículo, senón dotando a vía de máis seguridade para centos de peóns que por ela circulan tamén no verán.