Os dous primeiros clasificados asistirán á Olimpíada Informática Española que se celebrará do 4 ao 6 de abril na Coruña, a primeira vez que o evento se celebra en Galicia
Santiago de Compostela/ Ourense-Vigo/ A Coruña/, 13 de febreiro de 2025. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade de Vigo (UVigo), Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Santiago (USC)–, celebrará a Olimpíada Informática Galega 2025 (OIG 2025) este sábado, 15 de febreiro.
A olimpíada celebrarase de xeito presencial na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, en horario de 10:00 a 14:30 horas, coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo. A organización da OIG pechou a inscrición do certame con 18 participantes. A axenda da xornada é a seguinte:
10:00 horas_ Recepción dos estudantes e acceso ás aulas.
10:15 horas_ Benvida por parte do comité organizador e presentación da Olimpíada. Intervirán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; o subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, Juan Carlos Vidal; o coordinador do Grado de Enxeñaría Informática da USC, Jorge Alberto Suárez; e o secretario do Departamento de Electrónica e Computación da USC, Juan Carlos Pichel.
10:45 horas_ Entrega de credenciais de usuario/a e conexión á contorna de desenvolvemento da proba.
11:00 horas_ Inicio da proba.
14:00 horas_ Fin da proba.
14:15 horas_ Acto de clausura, incluíndo a resolución do xurado.
Inscribíronse estudantes de entre 15 e 18 anos, naturais da Coruña (1 participante), Vigo (1), Ribeira (1), Santiago de Compostela (6), Brión (2), Negreira (2), Burela (1), O Porriño (2), Redondela (1), Vedra (1). Os estudantes proceden de 9 centros da comunidade galega:
O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións que nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.
A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
A olimpíada está habitualmente patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC. Nesta edición colaboran Apser Cloud Services, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGal, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Oracle, Sixtema e Veritas. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.
A fase internacional celebrarase en Bolivia do 27 xullo ao 3 de agosto
A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXIX Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 4 ao 6 de abril de 2025 na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, primeira vez que a olimpíada española se celebra en Galicia, evento que tamén contará coa colaboración do CPEIG para a súa organización. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará do 27 de xullo ao 3 de agosto en La Paz (Bolivia).