No marco destes proxectos, o IES Perdouro de Burela participará nun concurso arredor desta temática xunto a outros 15 institutos de todo o Estado
Burela, 7 de febreiro de 2025. O tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, mantivo unha reunión con EMUGA, a asociación de Emisoras Municipais Galegas. Nela tratouse a presentación dunha nova edición do do proxecto ONDA ODS de comunicación e concienciación sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.
O quecemento global, a eliminación da pobreza e a igualdade de xénero son algúns dos contidos sobre os que se centra esta proposta de comunicación das radios públicas locais, que buscan así mesmo aproveitar o auxe do podcast como ferramenta de moda en todo o mundo para transformar as emisoras municipais en centros de produción de audio abertos a toda a cidadanía.
Henrique Sanfiz, secretario da asociación de emisoras, presentou na reunión os eixos do proxecto na que é a súa terceira edición. Esta desenvólvese en colaboración con asociacións homólogas en Andalucía e Catalunya como son EMA e La Xarxa Radio TV Cardedeu, e mais coa Asociación de Emisoras Comunitarias.
Un dos puntos principais deste proxecto terá como protagonista a Burela, xa que EMUGA convidou ao IES Perdouro a participar nun concurso arredor dos ODS e a Axenda 2030 que implicará a alumnos de 3º da ESO de 16 institutos de todo o Estado, catro deles galegos.
“Para nós é un pracer colaborar cos nosos centros educativos e cunha entidade como EMUGA neste tipo de iniciativas, nas que se integran a participación da mocidade, os ODS e o podcast”, sinala o tenente de alcaldesa.
“Sérvenos ademais para seguir a traballar en alternativas, e cremos que o podcast pode ser unha delas para a mocidade e o noso tecido asociativo”, engade.
O concurso, que se desenvolverá ao longo de tres meses, constará de diversas fases. En primeiro lugar haberá unha fase territorial, na que competirán entre si os catro institutos galegos, e despois haberá unha fase estatal, na que o centro gañador da fase territorial representará a Galicia enfrontándose aos demais centros gañadores.
O representante de EMUGA aproveitou a ocasión para ofrecer ao edil a colaboración e experiencia das emisoras municipais para relanzar a emisora municipal coa que conta Burela, que, en palabras de Pillado, “pode ser un importante elemento de participación veciñal na vida social e cultural do municipio”.