Alfoz, 6 de febreiro, 2025. O equipo de fútbol Club Deportivo Alfoz fundouse no ano 1981, de modo que no ano 2021 cumpriu 40 anos de historia. Nesas datas organizouse unha iniciativa de gravar un documental con testemuños dos protagonistas (xogadores, directivos, adestradores, afeccionados…), para lembrar esta institución que reuniu como nunca a un pobo arredor do deporte do fútbol.
O equipo tivo unha época moi gloriosa nos anos 80 e principios dos 90 do século XX, época na que se mantivo na elite do fútbol galego a nivel rexional, sendo un pobo (naquela época) de pouco máis de 2.000 habitantes. Militou unhas cantas temporadas en Primeira Rexional e, incluso, clasificouse nos primeiros postos da liga, estando a piques de xogar a promoción a 3ª División. Do Alfoz saíron grandes xogadores, como Carlos Mandiá, que chegou a xogar no Real Madrid e en varios equipos de 1ª División e que agora segue vinculado ao fútbol como adestrador en equipos de primeira liña; ou Rubén Maseda e Gervasio Geada, que xogaron no Club Deportivo Lugo.
Este vindeiro domingo, día 9 de febreiro de 2024, a partir edas 17,00 horas, proxectarase a primeira parte do extenso documental sobre o Club Deportivo Alfoz (en total son 5 horas de duración no filme) no Salón de Actos da Casa da Cultura do concello. Envíovos cartel conmemorativo do evento, deseñado polo artista local Pepe Blanco.