Trabada, 6 de febreiro de 2025. O Concello de Trabada e a asociación Trabada paso a paso organizan a primeira ruta de sendeirismo do ano 2025 dentro do seu programa de actividades. A cita terá lugar o vindeiro 2 de marzo e percorrerá o traxecto entre Vilapercide e Vilaformán.
A ruta, cunha distancia de 10 quilómetros e unha dificultade media, incluirá visitas a puntos de interese patrimonial e cultural, como a Igrexa de Vilapena e a antiga escola de mestres. Ao remate do percorrido, os participantes poderán gozar dun xantar no Teleclube de Vilaformán en compañía dos veciños e veciñas da parroquia.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta iniciativa: “Desde o Concello de Trabada apoiamos as actividades elaboradas en conxunto coas diferentes asociacións, dado que cremos que debemos manter un apoio constante con elas para chegar a un público máis amplo”. Ademais, subliñou que esta ruta é a primeira dunha serie de actividades previstas ao longo deste ano en colaboración coa asociación Trabada paso a paso, co obxectivo de fomentar o coñecemento das parroquias do municipio en profundidade.
A saída da ruta está prevista para as 09:30 horas dende a Praza do Concello de Trabada. O custo da actividade é de 8 euros por persoa e as inscricións poden realizarse nas oficinas municipais ata o mércores 26 de febreiro ou chamando ao teléfono 982 135 011. Para participar é obrigatorio o uso de chaleco reflectante.
“Animamos a todos os amantes da natureza e do patrimonio local a participar nesta experiencia que combina deporte, cultura e convivencia veciñal”.