Os populares censuran que “o equipo de goberno do PSOE se negue a facer unha subida máis gradual” xa que “afecta directamente aos petos dos laurentinos e laurentinas”
Lourenzá, 5 de febreiro de 2025. O PP de Lourenzá censura a negativa do PSOE a aplicar unha moratoria na subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI).
O equipo de goberno socialista aprobaba en solitario no pleno de novembro unha subida do 27% no IBI e dun 24% no recibo da auga aos laurentinos e laurentinas. Os populares xa condenaran no seu momento que “o goberno local pretenda facer efectiva esta subida de forma abrupta en lugar de ser máis gradual”.
No último pleno os concelleiros do Partido Popular volveron manifestar o seu rexeitamento a esta suba de impostos que afecta directamente aos petos dos veciños e veciñas; mentres que o grupo de goberno, do PSOE, mantén a súa proposta “argumentando que precisa recadar”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular xa advertiran que o tipo impositivo do imposto coñecido como contribución supera a media dos concellos da comarca; xa que o Concello de Lourenzá pasará a cobrar o 0,70% do valor catastral de inmobles tanto urbanos coma rústicos. Ademais, afean que “só se contemplen bonificacións do 95% para a actividade agrícola e actividades económicas no caso de que fomenten o emprego; senón non”.
APOIO Á PROPOSTA DO PARTIDO POPULAR
O Grupo Municipal Popular logrou aprobar co apoio de tódolos grupos da corporación unha proposta para adoptar medidas contra o deterioro que provocan as pombas nas vivendas e o patrimonio do municipio.
Concretamente, no último pleno acordaron dirixir unha solicitude urxente por parte dos tres grupos da corporación municipal ás administracións competentes en coordinación co Bispado toda vez que “se ve afectada a igrexa e o mosteiro que son da súa titularidade”. Así mesmo, aprobouse “instar á alcaldía a requirir de forma urxente medidas á Fundación Martínez Otero, como propietaria da Casa Cándido, un dos inmobles máis invadido polas pombas”.