Lugo, 4 de febreiro de 2025. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovará o apoio ao festival de música electrónica Ether de Viveiro, que busca consolidar o salto organizativo do pasado ano.
A deputada Iria Castro reuniuse co responsable da organización que perfilou a proposta para 2025 na que reforzarán a axenda de actividades culturais e ambientais arredor do festival e da música electrónica, aproveitando as posibilidades que ofrece a ubicación no parque Pernas Peón e a contorna de Viveiro.
No encontro, no que participou tamén a tenenta de alcaldesa de Viveiro Miriam Bermúdez, valoráronse tamén outros aspectos relevantes para a organización do festival como a paridade de xénero e a presenza de artistas galegas e galegos no cartel.
A deputada confirmou “a continuidade do apoio da área de Cultura para consolidar un festival que, ademais de reforzar a conexión coa axenda cultural de Viveiro, diversifica a oferta de música en directo e que ofrece unha plataforma de proxeccion para artistas galegas deste xénero nun contexto de auxe da música electrónica no plano global”.
O Ether-An Electronic Odyssey conta sete edicións, polas que pasaron 45 artistas de diferentes ramas do xénero electrónico, destacando referencias internacionais como Antigone, Carlos Willengton, Charlotte de Witte, Chelina Manuhutu, Cristian Varela ou Lilly Palmer ou representantes da música electrónica galea como Bárbara Lago, Death Whistle, Isma B ou Irene Castro.
Tras as primeiras edicións no Pazo da Misericordia, o ano pasado o festival, que contou xa coa colaboración da área de Cultura, trasladouse ao parque Pernas Péon e extendeu a programación con actividades gratuítas de tarde nas dúas xornadas previas.