Trabada, 3 de febreiro, 2025. O Concello de Trabada informa que, conforme á Resolución da Consellería de Medio Rural, publicada no Diario Oficial de Galicia o 3 de febreiro de 2025, a parroquia de Trabada pasa a considerarse zona tampón pola presenza da praga Tecia solanivora Povolny (polilla guatemalteca da pataca). O que permite que agora se poida cultivar pataca, sempre que se presente unha Comunicación Responsable da plantación antes do 1 de abril.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, expresou: “É fundamental que os veciños da parroquia de Trabada presenten a comunicación responsable antes do 1 de abril para garantir que as plantacións se fagan de maneira controlada, protexendo a nosa produción agrícola e a sustentabilidade do sector”.
No resto das parroquias do concello, a plantación de pataca poderá realizarse libremente.
O modelo para a Comunicación Responsable pode recollerse e presentarse no Rexistro do Concello, na Oficina Agraria Comarcal ou en calquera dos rexistros establecidos pola normativa.