Este servizo traslada unha media de 161 pacientes ao mes, realiza 53 rutas e 67.641 quilómetros de media
Compostela, 3 de febreiro, 2025. O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun novo convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación de Enfermos de Ril (Alcer) para a cobertura do servizo de traslado das persoas afectadas por insuficiencia renal crónica aos centros de hemodiálise da provincia de Lugo.
O obxectivo deste convenio é simplificar as prestacións por desprazamento dos pacientes da rede sanitaria pública na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
Así, o Executivo galego achegará unha partida de 672.880 euros para garantir esta cobertura.
O convenio autorizado hoxe terá una duración dun ano a contar desde o momento da súa formalización. Poderá ser prorrogado por períodos anuais ata un máximo de 3 anos.
Alcer ten como obxectivo mellorar as condicións de vida do colectivo de enfermos de ril na provincia de Lugo encargándose, entre outras actividades, da xestión do traslado dos pacientes aos centros sanitarios para recibir tratamento de hemodiálise.
Deste xeito, os pacientes que precisen acudir aos diferentes centros da provincia para seren tratados con hemodiálise, serán trasladados en taxi ou, se así o require a súa condición clínica, en ambulancia.
Con datos do ano 2023, este servizo sanitario traslada unha media mensual de 161 pacientes, realizando 53 rutas e unha media de 67.741 quilómetros cada 30 días.